Quen son as persoas máis ricas do mundo en 2024? As mulleres representan 369 das 2.781 na última edición da listaxe Forbes

Un ano máis, Amancio Ortega aparece como a maior fortuna do Estado español na listaxe Forbes e no posto 13 da clasificación mundial cun patrimonio estimado en 103.000 millóns de dólares (95.805 millóns de euros).
A cantante estadounidense Taylor Swift entrou na lista Forbes das persoas máis ricas do mundo (Foto: Martha Asencio-Rhine / Zuma Press / Contacto Photo vía Europa Press).
photo_camera A cantante estadounidense Taylor Swift entrou na lista Forbes das persoas máis ricas do mundo (Foto: Martha Asencio-Rhine / Zuma Press / Contacto Photo vía Europa Press).

Un ano máis, Amancio Ortega aparece como a maior fortuna do Estado español na listaxe Forbes e no posto 13 da clasificación mundial cun patrimonio estimado en 103.000 millóns de dólares (95.805 millóns de euros), por diante da súa filla Sandra Ortega, que ocupa o posto 263 cunha fortuna de 9.300 millóns de dólares (8.650 millóns de euros), mentres que o terceiro entre a nivel estatal e 486 do mundo sería Rafael del Pino, cun patrimonio estimado de 6.000 millóns de dólares (5.581 millóns de euros).

A cantante estadounidense Taylor Swift logrou situarse por primeira vez entre as persoas máis ricas do mundo, segundo a listaxe anual publicada pola revista Forbes, que recoñece á artista, con apenas 34 anos de idade, entre as 2.781 persoas cunha fortuna estimada de polo menos 1.000 millóns de dólares (930 millóns de euros) e volve sinalar ao empresario francés Bernard Arnault como o máis adiñeirado.

En 2024, a listaxe de multimillonarias de Forbes alcanza o maior número de membros das 38 edicións, cun total de 2.781 persoas, un aumento de 141 respecto de 2023 e de 26 sobre o anterior récord de 2021, cuxo patrimonio agregado estímase nuns 14,2 billóns de dólares (13,2 billóns de euros).

A riqueza conxunta acumulada polas multimillonarias da listaxe Forbes de 2024 representa un incremento de arredor de 2 billóns de dólares (1,8 billóns de euros) respecto de a cifra das máis ricas de 2023 e un aumento de 1,1 billóns de dólares (1,02 billóns de euros) sobre o anterior récord rexistrado en 2021.

Con todo, tal e como ocorre na economía en xeral, a listaxe de 2024 mostra tamén a desigualdade na repartición da riqueza, posto que apenas 14 persoas con patrimonios estimados de máis de 100.000 millóns de dólares (93.015 millóns de euros) acumulan ao redor de 2 billóns de dólares de riqueza, o que implica que o 0,5% das 2.781 multimillonarias do mundo posúen 14% de toda a riqueza das maiores fortunas.

Un ano máis, os Estados Unidos repiten como o país con máis multimillonarias, cunha cifra récord de 813 ricas, fronte a 735 en 2023, cuxa fortuna agregada sumaría 5,7 billóns de dólares (5,3 billóns de euros), fronte aos 4,5 billóns de dólares (4,2 billóns de euros) do ano anterior, mentres a China segue en segundo lugar, con 473 multimillonarias, cuxo patrimonio conxunto estímase en 1,7 billóns de dólares (1,6 billóns de euros).

Pola súa parte, a India, con 200 multimillonarias e fortunas de 954.000 millóns de dólares (887.365 millóns de euros) ocupa a terceira posición, por diante de Alemaña, con 132 ricas e 59.000 millóns de dólares (54.879 millóns de euros) de patrimonio conxunto, mentres que Rusia, a pesar das sancións, é o quinto Estado con maior número de multimillonarias, con 120, 15 máis que o ano pasado, cuxa fortuna total é de 537.000 millóns de dólares (499.492 millóns de euros).

A idade media das multimillonarios é de 66 anos, sendo o magnate dos seguros George Joseph, con 102 anos, o membro de maior idade da listaxe e unha das 425 persoas de 80 anos ou máis, mentres que a persoa multimillonaria máis nova é Livia Voigt, de 19 anos, unha herdeira brasileira cuxo avó cofundou o produtor de equipos eléctricos WEG.

As mulleres multimillonarias representan na última edición da listaxe 369 das 2.781 mais ricas do mundo, arredor do 13%, en liña coa proporción de 2023. Neste sentido, a muller máis rica volve ser Françoise Bettencourt Meyers, herdeira de L'Oréal, cun patrimonio estimado de 99.500 millóns de dólares (92.550 millóns de euros).

Bernard Arnault segue sendo o máis rico

A listaxe Forbes de 2024 volve coroar como o máis rico entre as persoas máis ricas ao empresario galo Bernard Arnault, conselleiro delegado do grupo francés de produtos de luxo LVMH, cunha fortuna estimada en 233.000 millóns de dólares (216.725 millóns de euros), o que representa un incremento de 22.000 millóns de dólares (20.463 millóns de euros) sobre 2023.

En segunda posición sitúase Elon Musk, cuxo patrimonio se estima en 195.000 millóns de dólares (181.380 millóns de euros), seguido por Jeff Bezos, cunha fortuna estimada en 194.000 millóns de dólares (180.449 millóns de euros), Mark Zuckerberg, cuns 177.000 millóns de dólares (164.637 millóns de euros) e Larry Ellison, con 141.000 millóns de dólares (131.151 millóns de euros).

En total, a listaxe de 2024 contén 265 novas multimillonarias, sendo o máis rico entre as novas incorporacións á clasificación o italiano Andrea Pignataro, con 27.500 millóns de dólares (25.579 millóns de euros), mentres que tamén destacan as entradas do fundador da cadea de comida rápida Raising Cane, Todd Graves, con 9.100 millóns de dólares (8.464 millóns de euros), así como das confundadoras da firma téxtil Shein: Maggie Gu, Molly Miao e Ren Xiaoqing, valorados en 4.200 millóns de dólares cada un (3.907 millóns de euros).

Comentarios