O BNG faise eco das informacións publicadas por 'Nós Diario'

O Goberno galego deberá esclarecer as relacións de Beatriz Mato con Greenalia

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar un paquete de iniciativas no Parlamento para aclarar as relacións de Beatriz Mato durante a súa etapa de conselleira da Xunta da Galiza coa eléctrica Greenalia, de cuxo consello de administración fai parte na actualidade.

Beatriz Mato (Europa Press / arquivo).
photo_camera Beatriz Mato (Europa Press / arquivo).

A proposta, asinada polos deputados Luís Bará e Noa Presas, lembra que "en febreiro de 2020 coñeceuse pola prensa que Beatriz Mato pasaba a ser membro de Greenalia, unha das grandes empresas do lobby enerxético e forestal". Neste sentido, cualifican o feito de "absolutamente escandaloso", xa que "formou parte do Goberno da Xunta desde o ano 2009, os últimos, de 2015 a 2018, coa responsabilidade de conselleira de Medio Ambiente. Na data do seu novo nomeamento nin sequera pasaran dous anos enteiros após o cesamento".

A iniciativa faise eco das informacións publicadas nos últimos días por Nós Diario e denuncia o seu nomeamento como parte do consello de administración de Greenalia após participar como conselleira "na autorización de 80% dos parques eólicos en funcionamento de Greenalia, catro de cinco, que suman máis de 74 megawatts". Neste caso, refírense aos denominados parques eólicos de Ourol, Miñón, Monte Tourado e Alto da Croa II".

Estes complexos eólicos foron declarados "proxectos de interese especial" e destacan que "esta nova situación fai máis evidente a conexión entre o lobby enerxético e o Goberno de Alberto Núñez Feixoo e a necesidade de depurar responsabilidades e fiscalizar os proxectos en marcha de forma profunda e rigorosa". Nesta dirección, reclaman ao Executivo galego remitir "as actas dos Consellos da Xunta onde se autorizou a declaración de proxectos de especial interese coa participación da ex conselleira Mato".

Bará e Presas demandan unha "valoración de que a ex conselleira Mato participara da autorización de 80% dos parques eólicos en funcionamento de Greenalia na Galiza", así como  do feito de que "a maioría de parques citados foran tramitados baixo unha aceleración de prazos que vén de ser posta en entredito por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)".

O BNG reclama, ao tempo, información de "que actuacións levou a cabo a Oficina de incompatibilidades e boas prácticas respecto do caso Mato e a súa incorporación en menos de dous anos a unha empresa vinculada coas súas tarefas como conselleira" e pregúntalle ao Goberno se "considera que pode haber corrupción neste caso".

Comentarios