Análise

Un pincho "más gallego"

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Camareira atendendo un estabelecemento de hostalaría (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera Camareira atendendo un estabelecemento de hostalaría. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Un día de agosto, no interior dun bar dunha vila mariñeira galega, no almorzo, e mentres nós lemos os xornais do día, un cliente (turista) pide un café con leite ao camareiro, que, por cortesía, ofértalle escoller entre bica e churros; a resposta do turista é que non quere ningunha desas cousas, mais, por iso, pode rebaixarlle o prezo do café con leite.

Noutro día tamén de agosto, nunha terraza calquera da mesma vila costeira galega, na que nós lemos os xornais dese outro día, dúas clientas (turistas tamén) séntanse nunha mesa próxima; logo de pedir as consumicións, e cando, como é habitual na hostalería galega, a traballadora ofrécelles un pincho, unha delas espétalle: “Oye chica, ¿no tenéis un pincho más gallego?”.

O pincho en cuestión era de pan con xamón, e nós damos por feito que o pan era galego e non temos motivo para pensar que o xamón non o fose. Son dúas situacións que, sen ningún ánimo de xeneralizar, exemplifican o que podemos vivir diariamente e, moitas veces, interiorizamos sen reparar nelas por formar parte xa dos chamados hábitos sociais. Mais deben obrigarnos a reflexionar, tamén sobre da alusión servil para chamar a atención dunha traballadora da hostalería, e sobre a paciencia infinita que teñen as persoas traballadoras deste sector, que as fai merecedoras, para nós, dunha paga por penosidade e o dereito á xubilación anticipada.

Que visión teñen de nós, como país, este “turismo” que nos visita e que debe pensar que botamos o día comendo marisco (fica claro que descoñecen que temos os salarios e as pensións máis baixas do Estado)? Estas mesmas persoas de fóra farían as mesmas peticións no seu lugar de residencia habitual ou, pola contra, ten a ver coa súa situación de visitante que “vén gastar cartos” e, por iso, considera que todo o mundo está completamente ao seu servizo?

Sen ser expertos en turismo, temos claro que, en calquera lugar ou situación, deben ser as persoas visitantes as que se adapten aos modos de vida, hábitos, usos, costumes e, tamén, ao idioma do país que visiten, sexa cal for, e non ao revés; por ningún motivo e baixo ningunha circunstancia, tampouco coa escusa do impacto económico, debemos transformar a nosas vilas e cidades en “parques temáticos” para un turismo que pretenda mudar a nosa forma de vida e, dun xeito temporal, trasladarnos o hábitat das súas vilas de residencia.

Que visión ten de nós, como país, este “turismo” que nos visita e que debe pensar que botamos o día comendo marisco?

Tamén vimos nos xornais que neste caloroso verán tivemos algunha serpe, propia do seu tempo, e como xa moi ben comentou no seu artigo a doutora en Economía María do Carme García-Negro, houbo toda unha serie de comunicados, previamente planificados e pactados, sempre ao servizo de intereses de empresas eólicas, asinados por diferentes organizacións empresariais, pola Xunta e polos sindicatos estatais (o dun deles podería asinalo perfectamente Vox). 

Débense adaptar as eólicas ao interese da Galiza?

O denominador común é que precisamos máis parques eólicos con carácter inmediato ou, senón, imos perder un gran impulso industrial; semella que os 3.887 MW eólicos que hai agora na Galiza xa fixeron de nós unha enorme potencia industrial (vai con retranca), e por iso en Euskadi, con 160 MW eólicos, ou en Madrid, con 0 MW eólicos, apenas teñen industria, mesmo son economías con salarios e pensións baixas (mantense a retranca).

Para nós é aplicábel a mesma reflexión que sobre o turismo: débense adaptar as empresas eólicas ao interese de Galiza ou, pola contra, é Galiza quen debe asumir, coa mesma dose de paciencia que a de residentes e persoal da hostalería, os intereses das empresas eólicas?

O turismo e a enerxía están, aínda que en diferentes tempos e estadías, nunha transición, moi condicionada, ademais de motivada, polo cambio climático e a súa previsión de futuro para Galiza. A enerxética, máis corporativa que social e xusta, e con distintas velocidades no ámbito mundial que anulan os esforzos, ten máis camiño andado, aínda que mal iniciado, sobre todo pola ausencia na participación, información e explicación, nomeadamente no referido ao seu custo e aos seus efectos sociais desiguais e discriminatorios.

A do turismo, con influencia da enerxética cando menos na mobilidade, está nunha formulación inicial, limitada ao local, con enunciados propositivos de Gobernos municipais como o de Compostela que, como o comentado da enerxética, xa están a ter resposta dos medios do sistema e da política agresiva, coa mesma estratexia de pretender situar o debate na propia transición, cando a cuestión fulcral en discusión é como transitamos (que, para quen, como, cando). E sábeno.

Comentarios