O persoal dos centros de maiores privados desenvolve unha nova xornada de folga en defensa dun convenio

25-05-21_Protesta_Folga_residencias_Vigo_07
Marcha do persoal das residencias en Vigo. (foto: Nós Diario)

A folga do persoal das residencias privadas de maiores e dos centros de día chegou onte a súa cuarta xornada. No marco da mesma, desenvolvéronse actos de protesta en 13 localidades galegas para reclamar un convenio colectivo no sector e demandar á patronal a apertura dunha vía de negociación. 

Na mesma liña, os traballadores e traballadoras urxiron á Consellaría de Política Social que medie no conflito.

A delegada da CIG nunha residencia privada da Coruña, Ana Domato sinalou que "estamos reivindicando unhas condicións salariais e de traballo dignas, pero a patronal só nos ofrece migallas a pesar de ingresar beneficios millonarios e subirlle os prezos ás persoas usuarias” Nesta dirección, reclamou "á patronal  que sente negociar con nós e chegar a acordos para un convenio novo que non sexa de mínimos, senón un convenio decente que é polo que estamos loitando".

A CIG, organización sindical promotora da folga, lembra que máis de 60% do persoal contratado nos centros de maiores percibe un soldo por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI) e destaca que a xornada laboral continúa fixada nas 40 horas semanais, cando o Goberno do Estado xa acordou proceder a reducila a 37,5 horas. 

Na mesma dirección, denuncia que as coberturas das situacións de incapacidade temporal (IT) están moi por baixo da maioría dos convenios doutros sectores da actividade.

"As IT non están recoñecidas desde o primeiro día nin a 100%, polo que hai moitas compañeiras que van traballar aínda estando enfermas”, asegura Domato, quen denuncia que "non pode ser que haxa quendas de noite con só dúas traballadoras para atender a 150 residentes; residencias de 60 persoas cunha soa auxiliar; ou que de noite non haxa presenza física de persoal de enfermería porque a Xunta decidiu en decembro mudar a orde de ratios e eliminar esta obrigatoriedade".

Domato aposta por un novo convenio para o sector das residencias privadas co obxectivo de mellorar a calidade asistencial dos centros de maiores. A este respecto, indica que "na maioría das residencias unha traballadora soa atende a 10 ou 15 persoas dependentes e temos dúas horas para facerlle todo o que precisa como erguer da cama, aseou ou cambio de cueiro".

Comentarios