A patronal ficha a Carmen Lence e Ignacio Rivera a proposta do novo presidente

Ambas persoas ocuparán vogalías de libre designación dentro do comité executivo da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG). A etapa de Juan Vieites á fronte do colectivo comezou hai escasas semanas, mais xa se ve un movemento moito maior que en anos de interinidade e leas internas.
O CEO da cerveceira coruñesa, Ignacio Rivera. (Foto: Hijos de Rivera)
photo_camera O CEO da cerveceira coruñesa, Ignacio Rivera. (Foto: Hijos de Rivera)

A actividade no seo da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) non para desde que Juan Vieites se fixo cargo da presidencia. Após anos de leas internas, inestabilidade e inacción -e cunha renuncia ao cargo dous días despois de saír elixido, incluída- a patronal ten agora unha actividade intensa de negociacións con distintas institucións públicas e privadas e intenta dar unha nova imaxe cara fóra. Hoxe, sen ir máis lonxe, anunciáronse dúas fichaxes estrela para comandar a recuperación do empresariado galego tras esta crise.

Na primeira reunión do comité executivo e da xunta directiva, Vieites amosou a forza coa que asume o encargo das empresarias coa incorporación á dirección de dúas persoas de sobra coñecidas polos seus éxitos: a CEO do grupo Leite Río, Carmen Lence, e o seu homólogo en Hijos de Rivera, Ignacio Rivera.

Ambos entran a formar parte do comité executivo como vogais de libre designación propostos polo novo dirixente. Ademais, na xuntanza telemática desta segunda feira a meta tamén foi "aprobar os nomeamentos do secretario xeral, do tesoureiro e do contador; así como dos presidentes das comisións de traballo internas da organización empresarial".

Segundo traslada a patronal nunha nota, o director xerente do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), Arsenio Fidel Prieto, vai ser o secretario xeral do organismo despois de que o aprobara o comité e o ratificara a directiva.

Juan Cancela, actual tesoureiro da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e de María Luísa Martínez, presidenta da Cámara de Contratistas de Galicia, tiveron o apoio para asumir os postos de tesoureiro e contadora. Así mesmo, "reordénanse e reactívanse as comisións de traballo da organización empresarial galega", órganos de asesoramento da CEG para o estudo e análise da realidade socioeconómica da Galiza.

Reparto de comisións

Por iso o líder dos empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, colócase á fronte da comisión de competitividade da empresa e dos fondos da Unión Europea e o secretario da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Enrique Mallón, faise cargo do grupo de relacións laborais, formación e emprego.

O presidente da Asociación de Mozos Empresarios da Galiza (AJE), Luciano Covelo, presidirá as xuntas de emprendemento; o director rexional do Noroeste de Carrefour, Francisco Couso, as de dixitalización, innovación e economía verde; e o vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Alejandro Cruz, será o vicepresidente da de Infraestruturas, que contará co ex presidente da CEO Manuel Jaime Martínez como máximo responsábel.

Fontes da CEG destacan que Vieites presidiu o seu primeiro comité e xunta "nun clima de unión e de total transparencia entre os representantes das organizacións provinciais e asociacións sectoriais integradas".

Comentarios