martes 19/01/21

Juan Manuel Vieites emerxe como candidato a presidir a patronal

A proposta da Confederación de Empresarios de Lugo
Imaxe de arquivo de Juan Vieites. (Foto: Europa Press)
Imaxe de arquivo de Juan Vieites. (Foto: Europa Press)

O seu nome xa soara na recente campaña á presidencia da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), mais agora parece que vai en serio. O actual secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado (Anfaco), Juan Manuel Vieites, será un dos candidatos a liderar os empresarios galegos despois de que o anterior presidente, Xosé Manuel Díaz Barreiros, presentara a súa dimisión ás poucas horas de ser proclamado.

O portavoz da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Xaime López, anunciou esta sexta feira que esta organización lanzará a vindeira quinta feira a candidatura de Vieites, unha proposta que fan desde "a reflexión e o sentido común que temos que ter todos" coa intención de que sexa "unha candidatura de consenso" de cara ás eleccións do vindeiro 21 de xaneiro.

"É unha persoa que coñecemos desde hai moitos anos, tamén a súa traxectoria", comentou.

"É un gran xestor e cremos que pode ser un punto de inflexión desta situación que vivimos e que non é boa para o empresariado galego", sinalou López, en alusión ás interminábeis leas na patronal galega.

O Brexit está en parte detrás desta decisión. De feito, desde a confederación luguesa recoñecen que na elección pesaron os "elementos da conxuntura económica" que afectan á pesca, sector ben coñecido por Vieites. "Temos que pensar na nosa frota da Mariña, que é das máis relevantes no Gran Sol e en augas xurisdicionais británicas e o Brexit está aí", avisou López.

De Vieites destacou que "pode contribuír moito polo seu coñecemento e a súa experiencia" no sector marítimo e pesqueiro, ademais de no resto de sectores produtivos. "É o momento de pensar no que é importante para os nosos empresarios, neste caso no ámbito do mar e da pesca", subliñou.

As eleccións decorrerán este mes após as leas que se viviron coa elección do anterior presidente, que durou dous días no cargo. Antes xa se convocaran varias citas sen candidaturas.

comentarios