Todos os proxectos de eólica mariña na Galiza, en mans de empresas madrileñas

A maioría da produción eólica e hidráulica da Galiza está en mans de compañías estranxeiras, cuxo enderezo fiscal se sitúa, na práctica totalidade dos casos, en Madrid. A historia vai camiño de repetirse cos novos proxectos de xeración e almacenamento eléctrico, impulsados por empresas foráneas.
Proxecto de aproveitamento de eólica mariña de Ocean Winds. (Foto: Europa Press)
photo_camera Proxecto de aproveitamento de eólica mariña de Ocean Winds. (Foto: Europa Press)

A Galiza é unha gran produtora de enerxía hidráulica. Segundo os datos ofrecidos polo Instituto Enerxético da Galiza (Inega), conta cunha potencia total instalada de 3.738 megawatts, 322 dos cales proceden da minihidráulica, isto é, a xerada por centrais dunha potencia inferior a 10 megawatts e 3.437 megawatts da grande hidráulica. O complexo da grande hidráulica está conformado por 45 centrais.

82,5% da potencia hidráulica do país está en mans de Iberdrola, Naturgy e Enel. A multinacional con sede fiscal en Madrid Iberdrola é o primeiro operador hidroeléctrico do país, cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A continuación figura a tamén madrileña Naturgy, con 1.120 megawatts e 12 encoros. Fecha esta listaxe a división española Enel, titular de 375 megawatts e seis encoros.

As mesmas compañías, canda Acciona Enerxía, ocupan a primacía na produción eólica. Iberdrola conta con 626 megawatts e 18 parques no país; a sociedade madrileña Acciona Enerxía explota 562,3 megawatts e 26 parques eólicos; Enel é propietaria de 508 megawatts e 19 complexos de xeración no país; e por último, Naturgy é propietaria de 460 megawatts e de 16 parques operativos. Así, estas catro sociedades concentran 56% do total da potencia eólica galega.

A historia semella repetirse coas novas instalacións de xeración e almacenamento eléctrico actualmente en proxecto. Así, atópanse en tramitación na Galiza 4.695 megawatts de eólica mariña, liderando, máis unha vez, estas iniciativas compañías foráneas, até o punto de que ningunha delas ten a súa sede no país. Mesmamente, a carreira para facerse coa enerxía do mar galego comezou cando aínda non se aprobou o Plan de ordenación do espazo mariño (Poem).

Os primeiros proxectos de eólica mariña na Galiza están impulsados por Iberdrola, que aspira a erguer 980 megawatts fronte á costa da Mariña e Ortegal. As costas de Ortegal son tamén as escollidas polo grupo Cobra, con sede en Madrid e propiedade da multinacional francesa Vinci e de Florentino Pérez, para levantar unha instalación eólica de 1.000 megawatts. A mesma zona foi elixida para outro parque de 1.200 megawatts polas compañías madrileñas Bluefloat e Sener, que teñen como principais accionistas a Gabriel Alonso e a familia Sendagorta.

Outras dúas compañías madrileñas, Ferrovial e Capital Energy, queren tamén participar do "reparto da torta" da eólica mariña. A primeira, propiedade da familia Del Pino Calvo-Sotelo, unha das máis adiñeiradas do Estado, aspira a erguer un parque de 495 megawatts na Mariña e outro de 510 megawatts nas Rías Baixas. Este mesmo emprazamento escolleuno Capital Energy, empresa do antigo xenro de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas, para unha instalación de 510 megawatts.

Centrais de bombeo

A situación non é diferente para a xeración hidráulica por centrais de bombeo. Neste caso, promoven os proxectos Iberdrola, cunha iniciativa para xerar 900 megawatts en Vilariño de Conso; Naturgy, cunha instalación para producir 340 megawatts entre Bande e Muíños; e Capital Energy, que aspira á concesión do lago de Meirama (Cerceda) para levantar una central de bombeo cunha potencia de 366 megawatts.

A aragonesa Atalaya Generación e a andaluza Magtel atópanse, igualmente, moi activas neste ámbito. A primeira promove unha central de 936 megawatts no Valadouro. A segunda impulsa unha instalación 160 megawatts nos concellos da Veiga e do Bolo e outra de 250 megawatts na lagoa das Pontes, a cuxa explotación tamén aspiraba Reganosa en parcería con EDP.

Os proxectos para a xeración de hidróxeno verde e de biometanol na Galiza van na mesma liña. A esta altura, presentáronse 73 propostas. Porén, o Estado aposta por aquelas iniciativas presentadas polo capital estranxeiro. Neste sentido, conta co visto bo do Goberno de Pedro Sánchez o complexo promovido pola multinacional danesa Maersk na comarca da Coruña, que require 4.000 megawatts de orixe renovábel para entrar en funcionamento.

Produción de enerxía

A Galiza lidera a caída do consumo eléctrico no Estado en 2022. Malia rexistrar unha baixada de 25,9%, fronte a 2,8% do conxunto estatal, o país exportou no primeiro semestre de ano 3.570.377 megawatts, isto é 31,9% da produción eléctrica total. Madrid é a principal beneficiada desta situación.

Comentarios