O Congreso debaterá a conversión de NCG Banco nun banco público galego por iniciativa de Jorquera

O Congreso dos Deputados debaterá a conversión de NCG Banco nun banco público galego por iniciativa do deputado Francisco Jorquera na aposta do BNG por unha “banca de carácter público xestionada con criterios de país”.

O BNG defenderá este mesmo mes no Congreso, unha proposición de lei para que se reforme a normativa vixente que permita a conversión de NovaGalicia Banco nun banco público e galego. O obxectivo é que, fronte ao “espolio”, o aforro proprio reverta no desenvolvemento de Galiza como eixo imprescindíbel para o financiamento empresarial e da economía produtiva. 


“A crise económica orixinouse no sector financeiro. Froito da súa excesiva concentración, e volcado en actividades de alto risco totalmente desvencelladas da economía real e produtiva” sinalou o candidato á presidencia da Xunta do BNG para quen Mariano Rajoy está a afondar aínda máis nas causas que produciron a crise do sector financeiro. Entre elas, fixo fincapé na privatización e a concentración do sector e no uso dos recursos públicos, o que reverte no conxunto da sociedade as perdas do sector financiero.

Para o deputado nacionalista,  no Estado Español “o principal problema non é a débeda pública, senón o altísimo nível de endebedamento privado, da banca privada, que está asfixiando a moitas empresas e dificulta a creación de emprego ao non poder acceder ao financiamento”, explicou Jorquera.

Remate para a economía

A perda de institucións financeiras supón, ao seu ver, un “tiro de graza” á economía galega xa que é estratéxico que os aforros revertan no propio país. A difícil coxuntura obriga a optar entre dúas posibilidades que, para o deputado nacionalista son perxudiciais para Galiza. Unha sería que Nova Galicia Banco teña sede en Galiza mais que fondos de investimento foráneos adquiran o capital maioritario e outra sería a “subasta a prezo de saldo” para a súa adquisición por un banco privado” no que se referiu ás recentes declaración do banqueiro Botín en que mostraba interese en adquirir a marca.
Fronte ao “espolio e a expatriación”, o BNG aposta “crear en Galiza unha banca pública, e transformar a NovaGalicia Banco nun banco público galego” Nese sentido opta por consolidaar a participación pública –o capital maioritario está intervido polo FROB- e consolidalo no tempo, coa correlativa composición dos órganos directivos e xestores.

Francisco Jorquera presentou a proposta do BNG e a iniciativa que levará ao Congreso nun acto público celebrado en Pontevedra diante de representantes sociais e empresarias no que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores e o catedrático de Economía Aplicada da USC, Xabier Vence.

Comentarios