Novidades na PAC 2025: apoio a novos produtores ecolóxicos e flexibilización de rotación de cultivos

Haberá 224 millóns de euros en apoios para 23.000 profesionais da agricultura e a gandaría na Galiza.

campo agro rural foto de mikel arrazola
Actividade no agro. (Foto: M. Arrazola)

A campaña da Política Agrícola Común (PAC) de 2025 contará con 224 millóns de euros en axudas na Galiza para ao redor de 23.000 agricultores e gandeiros. Entre outras novidades, haberá un millón de euros para novos produtores en ecolóxico e flexibilizacion de rotación de cultivos.

En rolda de prensa, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentou a convocatoria de axudas a PAC 2025 que publica o Diario Oficial da Galiza (DOG) esta cuarta feira, as "máis importantes para o agro galego" ao supor rendas complementarias "esenciais".

Estas axudas divídense en dúas grandes liñas. Por unha parte, o groso de 180 millóns financiados con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e, por outra banda, 44 millóns correspondentes ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A conselleira referiuse ás novidades "máis significativas" para esta campaña. En primeiro lugar, haberá un millón de euros para novos agricultores que se incorporan a ecolóxico, repartidos no medio millón para a liña de ecolóxico (gandaría e agricultura) e outro medio millón para razas autóctonas. Para iso foi necesario un "reaxuste orzamentario", xa que é "moi difícil" a modificación "dun ano para outro".

Así, a diferenza da campaña anterior, ademais de presentar solicitudes de pago no caso das axudas plurianuais de desenvolvemento rural, tamén se poderán solicitar apoios para intervencións de razas autóctonas en risco de erosión xenética, cultivos agrícolas ecolóxicos e gandería ecolóxica.

A segunda novidade pasa por unha flexibilización en rotación ou diversificación de cultivos, debido a que foi "un ano complicado climatoloxicamente" e para que os agricultores non se vexan afectados nas axudas da PAC. Tamén haberá 750.000 euros en axudas forestais para dedicar ao mantemento e coidado de superficies, tramitadas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Pagamentos de 2024

No tocante á campaña de 2024, a conselleira informou de que se abonaron até esta cuarta feira un total de 160 millóns de euros, cun prazo ata o 30 de xuño.

Comentarios