Montoro asegura que as administracións que compensen a 'paga extra' de decembro cometen un delito

O ministro de Facenda español advirte ás administracións que teimen en compensar a paga extraordinaria suprimida polo goberno do estado que incorren nun "delito de prevaricación".

Ao igual que fixera o seu ministerio a través dunha misiva enviada aos concellos o pasado mes de setembro, Cristobal Montoro asegurou nun acto sobre a crise económica desenvolvido en Málaga que a obriga das administracións é "cumprir a lei" polo que a compensación da paga extraordinaria suprimida polo goberno de Madrid suporía unha vulneración da mesma. Neste sentido, o ministro español subliñou que aquelas administracións que non cumpran coa vontade do executivo liderado por Mariano Rajoy estarían "a cometer un delito".

"O gobernante que non aplique a lei non debería estar no goberno", aseveraba Cristóbal Montoro a respecto da decisión adoptada por concellos como o de Pontevedra ou o goberno da CAV que están a compensar a perda de poder adquisitivo d@s traballador@s públic@s a través do pagamento dunha compensación de carácter produtivo. Segundo o ministro de Facenda, o Estado español debe transmitir unha imaxe "de país que cumpre as súas leis", polo que para Montoro, a negativa de moitas administracións para cumpriren a redución salarial imposta desde Madrid non transmite "seriedade".

"As leis están para seren cumpridas" repetía o ministro entrementres adiantaba que a reforma da administración pública prevista polo goberno "xa está en marcha". Entre as modificacións que introducirá o executivo español atópase o estabelecemento de límites nos soldos d@s alcaldes(as) e mesmo a redución do número de concelleir@s nalgúns municipios do Estado español.

Comentarios