Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas e economista: "Europa progresa mellor cando está máis fragmentada"
—A tese que explica no libro refírese á dimensión xeográfica ou á poboación?
Penso na escala dos países e sosteño que é un dato relevante, que non é indiferente, e que a pequena dimensión amosa mellores capacidades e aspectos positivos. A superficie pode considerarse, pero sobre todo estou a pensar na poboación, aínda que tamén é unha escala arbitraria, como digo no libro. Para unha polis grega, 50.000 habitantes era moito, pero hoxe non é así, e mesmo hai varios estados soberanos de 10.000 habitantes. Poden gustar ou non, pero están aí.
—Cando fala da viabilidade pensa en política ou en economía?
Sobre todo, viabilidade económica. Debo dicir que os países pequenos tenden a ser máis prósperos, menos corruptos; quizais por estar máis abertos ao comercio libre tenden a ser máis libres. E non porque a clase política ou a súa xente sexa de mellor raza ca noutros sitios, senón que polas dinámicas do territorio tenden a ser así. Por que? Porque están sometidos a unha competencia. Se o teu rei é moi explotador, pero hai outro rei, outro condado, outra república ao lado, fisicamente, é máis fácil fuxir e é máis fácil comparar.
—Pensa nunha realidade teórica ou de política real dos estados do mundo, e en particular de Europa?
Sigo a tese de Eric Jones e doutros historiadores que din que o progreso de Europa se produce por estar fragmentada, non por estar unida. China, cando se une, é cando comeza a esmorecer e a estancarse. E a pluralidade de estados en Europa fai que estes compitan entre si. Por exemplo, coa censura: cando se impuxo en Castela, chegaban os libros de Flandres, pero na China non había onde ir. Igual sucede con innovacións como o capitalismo, ou outro tipo de cousas; aparecen porque é un mundo fragmentado. Aparece en Flandres ou en máis sitios, pero non hai un emperador que poida esmagalas como pasaba no imperio romano.
—Aínda que teña lecturas actuais, realmente este traballo seu aborda unha análise histórica.
Hai un relato histórico, pero intento facer un ensaio teórico. A partir de Schumacher ou de Leopold Kohr, e non tanto de actualidade. Falo de desexo de fragmentación, pero o certo é que o número de estados vai incrementándose: se na ONU fundadora había 45, hoxe son 193. E cse ningún dos que se separou quixo volver integrarse. Por algo será.
—Tamén hai procesos de integración supraestatal contemporáneos.
A Unión Europea no seu momento tivo moito pulo e houbo intento de copiala, como cando nace o Mercosur en América Latina. Pero non vai para adiante e a Europa integrada está estancada tamén nese aspecto despois dunha época de moito pulo. Saen agora todos eses europeístas nos xornais españois pedindo máis Europa, máis integración, pero o que vexo é que detrás destes movementos está o intento de centralizar Europa, de crear un Estado europeo, algo que agora está nun momento de impasse. A min o modelo de Unión Europea non me gusta. Podo estar de acordo co que chama 'mercado común', que é sensibelmente distinto, aínda que a xente identifica un co outro erroneamente. O mercado común é un acordo entre estados para que a xente circule, compre e venda. Outra cousa é crear unha súper estrutura política que leve a un camiño como o dos os Estados Unidos, que tamén empezaron como un fato de estados soberanos. As unións modernas non levan a grandes logros. Nin sequera hoxe. Das Chinas que hai –porque tamén están Macau, Hong Kong e Singapur, que son de poboación chinesa, e Taiwán–, a China continental é a máis pobre de todas. E a cultura de todas elas é a mesma.
—Tivo un crecemento espectacular nas últimas catro décadas...
Pero compara con Taiwán, que a supera cinco ou seis veces en renda per cápita. Ás veces pensamos no punto de vista do gobernante, pero eu penso no punto de vista do cidadán. A un paisano de Andorra, por exemplo, que lle falta que teña o chinés? Ou que teña o da India? Ambos estados ultragrandes. Non ten cervexa no bar, non ten internet? En que se concreta esa mellor situación?
—Porén, os grandes imperios articúlanse polo dominio e pola extensión.
E a dinámica de todos os imperios é que perezan. Se che gusta a historia, hai un libro moi bo de Jean-Baptiste Durosselle, Todo imperio perecerá. Na parte final explica por que caen xusto cando máis grandes son.
"Os EUA repréganse a un tamaño máis defendíbel porque saben que o mundo non o van dirixir"
—E estariamos vivindo un momento así? Fálase do devalo dos Estados Unidos...
Pódese reaxir fronte ao devalo dos Estados Unidos de dúas formas: pensar que nada pasa, e seguir como se tal, ou repregarte, que é a miña hipótese sobre o que está sucedendo, e non sei que pasará. Falo de repregarse a un tamaño máis defendíbel, porque sabe que o mundo xa non o vai poder dirixir.
—E ten o planeta ocupado con centos de bases militares...
Ao final ese tamaño tan grande esmágao, porque ten que manter unha chea de gastos e de guerras en mil sitios que non importan nada, simplemente por manter o status. Non son guerras que precise, pero se non vai a elas parece que non está. Por iso ten que estar en Somalia, ou ter tropas en Europa, porque Europa quere esas tropas. Que pintan nunha guerra entre Rusia e Ucraína? Ten que estar alí metido, ten que estar gastando, supoño que alguén faría as contas e diría, o dólar está de capa caída, non damos financiado a débeda, temos unhas vantaxes imperiais, pero hai un momento que non nos compensa.
A dinámica sempre é parecida: o imperio romano medra, pero non conquista os partos, non conquista os árabes, non conquista os xermanos e a tantas outras tribos por todas as partes, creándose unha manchea de inimigos e con frontes abertas por toda a xeografía. Cantos máis inimigos potencias maiores son os custos de control, e, ao final, tes que manter un exército que leva todo o orzamento. Pásalle aos Estados Unidos e pasoulle a Inglaterra e a España.
—O curioso é que non vemos que no aforro de gastos de Trump nos Estados Unidos, a maiores de pedir gasto aos países europeos en Defensa, estean planeando fechar bases polo mundo.
Pero algo da súa política futura irá por aí. Se queren máis gasto na OTAN, ao final tamén quererán reducir a presenza. Para que queres tantas bases aí? Ao final, a Unión Soviética caeu por algo parecido. Implosionou. Era demasiado grande e non podía estar tranquila.
"A independencia é viábel; sendo coherente, é o que desexaría para Galiza"
—Hai quen fai a comparación do período actual dos Estados Unidos co tempo de Ieltsin en Rusia.
Non é acertado, pero ten problemas semellantes. Estados Unidos é unha economía máis dinámica. Creo que se está dando conta, e non estou na cabeza deles, pero penso que están nunha dinámica de repregue a un espazo que poidan controlar doadamente. E de aí poden saír oportunidades, poden saír moitos procesos de fermentación e tamén moitos estados novos, como saíron do esfarelamento da Unión Soviética. É outra tese que sosteño no libro. Estamos acostumados ao proceso de independencia típico onde, primeiro, aparece un sentimento difuso de nación, aparecen os culturalistas que xeran poesía e cultura e cousas polo estilo, que despois se transforma nun movemento político que pasa a unha dinámica de masas e chega un momento no que consegue independencia. É un modelo típico pero non o máis habitual. O modelo máis frecuente é que a independencia irrompa sen ti a esperar. Como na Bielorrusia, por exemplo, ou como en Kazakistán, que non tiñan movementos moi poderosos, nin nada así polo estilo.
—E a súa posición respecto á Galiza, aínda que sexa só teórica?
A independencia digo que é viábel. Sendo coherente, idealmente, sería o que desexaría para Galiza. Pero tamén digo unha cousa: aquí nunca se pensou na independencia. E aproveito para dicir que, xa rematado o traballo, decateime de que se me esqueceu a compilación de Domingos Antom García Para umha Galiza Independente. Ensaios, testemunhos, cronología e documentaçom histórica do independentismo galego, que tamén atende relacións dos movementos sociais nunha hipotética independencia galega.