Madrid, destino de 1 de cada 3 empresas que marcharon de Galiza no que vai de ano

Entre xaneiro e abril marcharon 46 firmas, das que 17 se instalaron na capital.

madrid porta do sol

Nos catro primeiros meses de 2021 marcharon da Galiza para se domiciliar noutros territorios do Estado 46 empresas, un número superior ás que fixeron ese mesmo camiño no primeiro cuadrimestre do ano pasado, 2020, cando foran 41.

Desas 46 sociedades, 17 foron para Madrid, unha terceira parte. A seguir figura Catalunya, onde recalaron 8 empresas; e Andalucía e Asturies, con 4 cada unha.

Os resultados das pasadas eleccións madrileñas reforzan un modelo claramente prexudicial para Galiza. A súa foto final significa o triunfo dun proxecto de desenvolvemento económico baseado no espolio do resto dos pobos do Estado e cuxas chaves se deben buscar nun deseño político que favorece as vantaxes do seu status como capital. Isabel Díaz Ayuso non é máis que a expresión desa alternativa, funcional aos intereses dos grandes grupos económicos e a unhas elites cuxa existencia depende dunha estrutura unitaria e fortemente centralizada.

Atracción

Porén, nestes meses o saldo non é negativo para Galiza. Se neses catro primeiros meses marcharon 46 empresas, chegaron a Galiza procedentes doutros territorios 63. Madrid e Catalunya son tamén os principais territorios de orixe desas sociedades que chegaron neses meses para se radicar na Galiza.

Tributar

Tributan en Madrid 4.359 empresas galegas. As chaves do crecemento económico de Madrid están favorecidas por un deseño político que privilexia as vantaxes derivadas do seu estatus como capital. Un recente informe elaborado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) volve confirmalo. 

Segundo se sinala no documento, teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

A consecuencia disto Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.

Comentarios