A luz acada esta segunda feira o prezo máis baixo de decembro

O prezo máximo rexístrase entre as 20 e as 21 horas, con 130 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 41 euros/MWh, producirase entre as 3 e as 4 horas.
Segue a evolución do prezo da luz en Nós Diario. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo medio deste domingo será de 93,36 euros/MWh. (Foto: Europa Press)

O prezo medio da electricidade para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado maiorista baixará esta segunda feira un 15,45% con respecto a este domingo, até os 93,36 euros por megavatio hora (MWh), marcando o prezo máis baixo do mes a partir de decembro.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado maiorista -o chamado pool- sitúase para este luns en 81,07 euros/MWh. Así, o prezo máximo rexístrase entre as 20 e as 21 horas, con 130 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 41 euros/MWh, producirase entre as 3 e as 4 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

A este prezo pool súmase a compensación ás gasistas que deben pagar os consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estar no mercado libre, teñan unha tarifa indexada, que é para este luns de 12,29 euros/MWh.

Un 54% menos que sen aplicar a medida

A falta do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade roldaría os 204,62 euros/MWh de media, o que supón uns 111,26 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así un 54,37% menos de media. 

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' marca unha senda para o gas natural para a xeración de electricidade a partir dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até o remate da medida.

O prezo está en 204,41 euros/MWh na primeira quincena

Na primeira quincena de decembro, o prezo medio diario do mercado maiorista (pool) situouse en 137,05 euros/MWh, o que sumando o sobrecusto que supón para os consumidores o axuste do tope ao gas (67,37 euros/MWh) sitúase en 204,41. euros/MWh, o que supón un incremento do 64,30% con respecto a novembro, pero é un 14,5% inferior ao de hai un ano, segundo os cálculos do grupo ASE.

Esta suba da electricidade na primeira quincena de decembro débese ao prezo diario do Mibgas, impulsado polo notábel incremento do prezo do gas en Europa e porque durante a primeira semana deste mes rexistráronse baixas temperaturas e unha redución da produción eólica.

Non obstante, o prezo é un 46,7% inferior ao das grandes economías europeas debido ao tope ao gas, segundo os analistas da consultora, que estiman que a electricidade se manterá por debaixo dos 200 euros/MWh durante o que quede de decembro se as previsións meteorolóxicas se cumpren.

Comentarios