Denuncian "múltiples irregularidades" da Xunta na autorización da mina San Acisclo

Ao afectar unha Reserva de Biosfera, o proxecto debería ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria, salienta un informe do Consello Científico do Comité Español do Programa MaB solicitado polo Sindicato Labrego Galego.
Protesta veciñal contra a mina de San Acisclo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta veciñal contra a mina de San Acisclo. (Foto: Nós Diario)

A pedimento do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, o Consello Científico do Comité Español do Programa MaB realizou un informe relativo á incidencia do proxecto mineiro de San Acisclo na Reserva da Biosfera de Terras do Miño, no termo municipal de Muras (A Terra Chá), no que se constatan varias irregularidades, apuntan desde o sindicato, que o viña denunciando desde tempo atrás. Entre elas, destaca que "non hai constancia de que o 'Proxecto de explotación CE ampliación a San Acisclo' e 'Plan de restauración CE ampliación a San Acisclo' fose sometido a un proceso de avaliación de impacto ambiental, a pesar de que, como recalca este órgano, o proxecto inclúe unha área de afección de 61.215m2 nunha 'zona tampón' dunha Reserva de Biosfera.

Conforme á Lei de avaliación ambiental, abonda o Comité Científico, ao afectar unha Reserva de Biosfera —áreas protexidas por instrumentos internacionais—, o proxecto debería ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria. "Resulta revelador que, en primeiro lugar, o Consello Científico dea inicio ao seu informe aclarando que a Comunidade Autónoma de Galiza non remitiu ningunha información á Secretaria do Comité MAB, advertindo de que esta é unha situación que resulta común coa acontecida noutros expedientes, xerándose unha situación anómala que afecta o proceso de avaliación das incidencias nas Reservas de Biosfera da Galiza", censuran desde o SLG.

Esta afirmación concorda cas alertas emitidas dende o sindicato, nas que chamaban a atención sobre o feito de que "a conivencia da Xunta da Galiza con determinadas empresas explotadoras de recursos naturais, a miúdo concrétase nun abandono de responsabilidades e deixadez de funcións cas que a Administración galega está a facilitar a este tipo de actividades extractivas, non só mineiras, senón tamén de modo diferenciado no relativo aos polígonos industriais eólicos".

O SLG enténdeo como un "abandono estratéxico de responsabilidades para favorecer oportunidades de negocio de empresas privadas por riba das normativas medioambientais que protexen a poboación rural e os ecosistemas", e considera que se concreta no caso da mina de San Acisclo en cuestións "identificadas claramente" no informe emitido polo Comité MAB, tales como a confirmación de que o proxecto presentado polo promotor —e aceptado pola Xunta— "mostra importantes deficiencias na caracterización e valoración dos compoñentes naturais, como na valoración das repercusións que se derivarían da execución do proxecto", resultando tamén "moi deficiente" o Plan de Restauración presentado.

Ademais, este proxecto de explotación mineira sitúase integramente nunha 'zona tampón' que rodea a 'zona núcleo' da ZEC Serra do Xistral, reivindicada polo Consello Científico como "unha zona de elevada biodiversidade", caracterizada pola presenza de distintos hábitats de interese comunitario —que este órgano advirte "non se mencionan no documento presentado polo promotor"—, así como de especies de flora e fauna endémica, rara ou ameazada que figuran en distintas normativas de protección ambiental, concluíndo que esta realidade foi minusvalorada "ou simplemente se obvian" no documento técnico.

Á lista de "irregularidades" que rodean a mina de San Acisclo, o Comité Español do Programa MaB engade tamén que "a información sobre áreas protexidas está exposta sobre normativa xa caducada (Lei de conservación da natureza da Galiza) e con consideracións excesivamente particulares", fronte ás que argumenta que, en calquera caso, a inclusión dun territorio dentro da Rede de Reservas da Biosfera da Galiza creada mediante o Decreto 95/2017 "non constitúe causa de exclusión no mesmo de usos e actividades de tipo mineiro, enerxético —parques eólicos, liñas eléctricas, instalacións e infraestruturas asociadas, etc.—, de obra civil e construción, etc.".

A tenor do informe realizado a instancias do SLG-CCLL, o Consello Científico do Comité Español do Programa MaB emitiu unha serie de consideracións, entre as que salienta que "non se puido confirmar que a actividade que orixina a emisión do presente informe e concretamente o proxecto de ampliación fose sometido a un procedemento de avaliación acorde coa Lei de avaliación ambiental, feito xa resaltado no informe emitido polo Órgano Xestor da Reserva de Biosfera".

Tamén precisa que o contido do proxecto "mostra importantes deficiencias en relación coa caracterización e valoración dos compoñentes naturais que inciden na valoración das posibles afeccións". "A valoración dos posíbeis impactos derivados dun proxecto mineiro debería realizarse sobre datos obxectivos e contrastábeis, así como cunha metodoloxía de avaliación adecuada; as apreciacións e valoracións persoais teñen pouco rigor, máis aínda cando entran en contradición cos datos publicados no ámbito científico", engade.

Por último, sinala que "o plan de restauración debería reformularse completamente e adaptarse aos criterios fixados na Estratexia Nacional de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, e no borrador da Estratexia Galega en proceso de aprobación". "Estas conclusións van na liña tamén da resolución do Tribunal Superior de Xustifica da Galiza, que con data do 15/06/2023 acordou acoller a pretensión da asociación Petón do Lobo de suspender de forma inmediata e incondicionada a execución da resolución da Xunta, do 19 de decembro de 2022, na que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión de explotación de recursos da sección C da mina", conclúe.

Comentarios