Investigación

Quen está detrás dos xacementos de litio da serra do Suído e das minas da Penouta e San Finx?

Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger son tres homes de relevancia da minaría na Galiza. A súa relación empresarial comezou hai anos en Colombia, onde foron albo da denuncia social pola súa política laboral, polas agresións ao medio ambiente e polo trato ás comunidades indíxenas.

Mina da coltán da Penouta en Viana do Bolo, propiedade de Strategic Minerals. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
photo_camera Mina da coltán da Penouta en Viana do Bolo, propiedade de Strategic Minerals. (Foto: Ecoloxistas en Acción).

Os nomes de Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger pairan sobre os polémicos proxectos mineiros da Penouta de Viana do Bolo (comarca de Viana), de San Finx en Lousame (comarca de Noia) e dos diversos xacementos de litio na serra do Suído (Terra de Montes). Se o primeiro deles atópase cautelarmente suspendido tras un auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o Goberno galego vén de revogar no segundo a autorización de verteduras após múltiples denuncias de veciñanza e mariscadoras, que ven nas persistentes verteduras de materiais pesados un risco para o medio e para actividade económica na ría de Noia.

A mina de coltán da Penouta, emprazada en Viana do Bolo, na comarca de Viana, é propiedade de Strategic Minerals, unha compañía canadense que ten como principais accionistas os cidadáns de orixe venezolana Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger, desenvolvéndose os dous últimos como presidente e conselleiro delegado da mercantil, que ten como director Francisco García Polonio, "perexil en boa parte das prebes" mineiras do Estado. Ao tempo, traballa para esta sociedade o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galiza, Juan José López Muñoz, persoa politicamente moi próxima ao Partido Popular e antigo empregado de Rafaella Resources, a mineira que explotou en tempos o xacemento de Varilongo en Santa Comba (Xallas).

Os xacementos de litio

A  serra do Suído, concretamente unha área sinalada en 2008 e 2011 para incluír na Rede Natura 2000, concentra o groso dos xacementos de litio da Galiza. Precisamente, nos concellos de Avión (comarca do Ribeiro), Beariz e Boborás (O Carballiño), Covelo (A Paradanta) e A Lama (Pontevedra) emprázanse os permisos de investigación mineira 'Maite', 'Carlota', 'Macarena' e 'Alberta II', cuxas denominacións corresponden co nome da muller e das fillas de Francisco García Polonio. A titularidade destes xacementos pertenceu até o pasado mes de setembro a Strategic Minerals, que naquela altura vendeu as concesións a IberAmerican Lithium, operación que algúns sectores do mercado consideraron como un movemento especulativo.

IberAmerican Lithium é outra compañía mineira con sede en Canada, cuxos máximos accionistas son Serafino Iacono, a través de Brockville International Holdings Ltd e o fondo Delbrook Resource Opportunities. O consello de administración de IberAmerican Lithium está formado, entre outros, polos xa citados Serafino Iacono e Miguel de la Campa así como por un vello socio deles nos negocios americanos, Robert Metcalfe, ex directivo de Gran Colombia Gold, Petro Magdalena Inc e de LSC Lithium na Arxentina. Asemade, ocupa responsabilidades na sociedade o xeólogo John Morris Pereira, técnico de Savannah e Lusorecursos, os dous proxectos de litio detrás do caso de corrupción que xerou a última crise política en Portugal e a dimisión do primeiro ministro, António Costa.

As minas de San Finx

Metais Estratéxicos fíxose coa titularidade dos dereitos da mina de San Finx no mes de xullo de 2023, tras mercarlle a sociedade Tungsten San Finx á compañía australiana Pivotall Metals, anteriormente denominada Rafaella Resources. Precisamente, desde outubro, o apoderado da mercantil propietaria do xacemento de San Finx é Miguel Cabal Lorenzo, que fai parte do consello de administración de Alto Minerals, outra empresa mineira presidida por Serafino Iacono, neste caso con enderezo en Sevilla. Cabal Lorenzo acudiu o pasado mes aos xulgados de Noia a representar a nova propietaria das minas de San Finx nunha denuncia contra varios activistas de Ecoloxistas en Acción.

Unha relación de vello

As relacións empresariais entre Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger veñen de vello. Os tres, canda Francisco Arata, puxeron en marcha a comezos deste século en Colombia a petroleira Pacific Rubiales, que chegou a producir na altura 300.000 barrís diarios de cru, que representaba 30% do total da produción do país, quebrando en 2016, nun procedemento que boa parte dos seus accionistas consideraron fraudulento. Porén, esta compañía sería coñecida en Colombia polas súas relacións privilexiadas cos presidentes Álvaro Uribe e Juan Manuel Santos e polas denuncias recibidas desde o ámbito sindical, ecoloxista e social.

A Federación Internacional de Dereitos Humanos, nun relatorio presentado no ano 2016 baixo o título de El costo humano del petróleo, denunciaba o proxecto desta compañía en Puerto Gaitán, en Colombia. Así, o referido informe, constataba “violación dos dereitos laborais e incluso sindicais”, “criminalización, asimetría ante o sistema xudicial e abuso por parte das forzas de seguridade”, “desnaturalización da consulta previa e desartellamento social das comunidades indíxenas” e “afectacións ao medio ambiente e acaparamento de terras”.Neste punto, a prensa colombiana significou a dura represión contra as comunidades indíxenas e o movemento sindical da empresa.

Gran Colombia Gold, sociedade dedicada á explotación da minaría do ouro, é outro dos proxectos impulsados en Colombia por Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger. Neste caso, o grupo empresarial foi acusada, tamén, de agresións ao medio ambiente e de persecución aos pobos orixinarios.


Os negocios de Iacono, De la Campa e Branger desde Colombia á Galiza

Os escándalos perseguen Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger desde hai anos. Sen ir máis lonxe, documentación procedente do bufete Mossack Fonseca, obxecto da filtración informativa dos Papeis de Panamá, relacionan Iacono e De la Campa na creación de diversas sociedades en paraísos fiscais como Illas Virxes ou Luxemburgo, que servían de intermediarias nos seus negocios.

Serafino Iacono (Venezuela,1961), graduado en Economía por unha universidade estadounidense, posúe as nacionalidades venezolana, italiana e colombiana. Precisamente, esta última foille outorgada en 2010 polo presidente Álvaro Uribe, procesado por fraude, suborno e relación cos masacres cometidos polos paramilitares. A proximidade entre un e outro ficou testada na voda de Iacono, onde asistiu como convidado o fillo do antigo mandatario. Na mesma dirección, destacan os seus contactos no Estado español, posuíndo un gran peso entre as grandes fortunas venezolanas residentes no madrileño barrio de Salamanca.

Miguel de la Campa (Venezuela,1945), graduado en Economía Política pola Universidade de Georgetown en Washington, Estados Unidos, leva moitos anos a carón de Serafino Iacono nos negocios mineiros e dos hidrocarburos. Neste período, exerceu de copresidente executivo e director de Pacific Rubiales desde 2008 até a venda da empresa ao fondo Catalyst en 2016. Ademais, foi presidente de Pacific Stratus (2003-2006), Bolivar Gold Corp (2003-2006), Coalcorp (2005-2008) e Gran Colombia Gold.

Comentarios