O prezo dos carburantes eleva a inflación a 2,3% mentres a subxacente escala até 6,2%

O IPC repunta en xullo e pon fin a dous meses consecutivos de caídas que levaran o indicador ao menor nivel desde marzo de 2021, 1,9%.
Os carburantes están detrás da leve repunta da inflación. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Os carburantes están detrás da leve repunta da inflación. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) aumentou no conxunto do Estado español por volta de 0,1% en xullo en relación ao mes anterior e elevou catro décimas a súa taxa interanual, até 2,3%, debido, principalmente, á suba dos prezos de carburantes e dos paquetes turísticos. Co avance de xullo, a inflación retoma os ascensos e pon fin a dous meses consecutivos de caídas que levaron o IPC a 1,9%, o seu menor nivel desde marzo de 2021, segundo os datos avanzados que publica o INE esta sexta feira, sen cifras concretas sobre Galiza.

Alén do encarecemento dos carburantes e dos paquetes turísticos, Estatística atribuíu a repunta do IPC en xullo ao feito de que os prezos do vestido e o calzado baixaron menos do que o fixeran no mesmo mes de 2022. En sentido contrario, o INE subliña que en xullo baixaron os prezos da electricidade e o gas, fronte ao incremento que anotaran en xullo do pasado ano.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en xullo subiu tres décimas, até 6,2%, situándose case 4 puntos por riba do IPC xeral.

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos en funcións, Nadia Calviño, destacou após coñecer a nova estatística que o dato adiantado do IPC "apunta a unha progresiva estabilización dos prezos, coa inflación na contorna do 2% e a subxacente na do 6%".

"A nosa política económica funciona, como demostra o forte crecemento, a creación de emprego e a estabilidade dos prezos que contrasta coa situación dos países da nosa contorna en beneficio das empresas e familias españolas", engadiu Calviño, a través dun comunicado.

Segundo Economía, o feito de que a inflación ficase por segundo mes consecutivo próxima a 2%, "favorece a competitividade das empresas españolas e a ganancia de poder adquisitivo dos salarios". Ao mesmo tempo, o Ministerio destacou que, grazas ás medidas adoptadas por Moncloa para conter os prezos, a inflación reduciuse en 8,5 puntos desde os máximos que alcanzou en xullo de 2022.

En termos mensuais —xullo sobre xuño—, o IPC rexistrou un aumento de 0,1%, moderando en cinco décimas o avance co que fechara o mes anterior. No sétimo mes de 2023, o índice de prezos de consumo harmonizado situou a súa taxa interanual en 2,1%, cinco décimas por riba da rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada destoutro indicador foi de -0,1%. O INE publicará os datos definitivos do IPC de xullo o próximo 11 de agosto.

Comentarios