O IPC escala catro décimas en marzo, até 3,2%, por luz e carburantes, e a inflación subxacente baixa a 3,3%

O índice xeral medrou tamén 0,8% a respecto do mes anterior.
Evolución do IPC xeral, subxacente e harmonizado. (Fonte: INE)
photo_camera Evolución do IPC xeral, subxacente e harmonizado. (Fonte: INE)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 0,8% en marzo en relación ao mes anterior e elevou catro décimas a súa taxa interanual, até 3,2%, debido ao encarecemento da electricidade e os carburantes, segundo os datos avanzados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que destaca que, pola contra, os prezos dos alimentos aumentaron en marzo menos que en igual mes de 2023.

Co avance do IPC interanual no terceiro mes do ano, a inflación volve rexistrar ascensos a nivel estatal —non hai datos concretos aínda da Galiza— despois do retroceso de seis décimas que experimentou en febreiro e que levou a inflación ao 2,8%, o seu nivel máis baixo desde agosto de 2023.

A repunta de marzo, que aínda debe ser ratificada por Estatística, devolve ademais o IPC a taxas superiores a 3% tras baixar desa cota o mes pasado, cando levaba entón cinco meses consecutivos por riba desa porcentaxe.

 

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en marzo baixou dúas décimas, até 3,3%, taxa unha décima superior á do IPC xeral.

En termos mensuais (marzo sobre febreiro), o IPC avanzou oito décimas, rexistrando o seu terceiro incremento mensual consecutivo e o máis pronunciado desde febreiro de 2023, cando subiu 0,9%.

No mes de marzo a taxa de variación anual estimada do Índice de Prezos de Consumo Harmonizado sitúase en 3,2%, tres décimas por riba da rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH, que proporciona unha medida común da inflación que permite realizar comparacións internacionais homoxeneizando os aspectos metodolóxicos máis importantes de cada un dos índices de prezos dos estados da UE, é de 1,3%.

O INE publicará os datos definitivos referidos ao IPC de marzo o próximo 12 de abril.

Comentarios