Prezo máximo para o gas de 30 euros mW/h: esta é a proposta de Portugal e o Estado español

"Estou convencido de que a aprobación por parte da Comisión Europea terá lugar nun prazo moi breve e ao día seguinte aprobarase no Boletín Oficial do Estado (BOE) con efectos inmediatos na factura eléctrica dos cidadáns", afirmou Pedro Sánchez.
O primeiro ministro portugués, Antonio Costa; o seu homólogo italiano, Mario Draghi; e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro portugués, Antonio Costa; o seu homólogo italiano, Mario Draghi; e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

Os gobernos portugués e español veñen de presentar ante a Comisión Europea (CE) unha proposta preliminar que estabelece un prezo de referencia do gas de 30 euros por megavatio (MW/h), para intentar abaratar o prezo da electricidade.

Así o confirmou a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na súa visita á comarca do Bierzo, onde presentou o proxecto 'La Térmica Cultural' nas instalacións da central térmica de Compostilla I. .

Ribera deixou claro que se trata dunha proposta conxunta formulada por ambos os Executivos, e que está aberta á negociación coas autoridades europeas.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciara na segunda feira que o Estado español e Portugal presentarían esta semana a Bruxelas unha medida "excepcional e temporal" para fixar un prezo de referencia do gas, tras lograr unha "excepción ibérica" ​​no Consello Europeo da pasada sexta feira, que permite adoptar medidas únicas para baixar os prezos da electricidade en ambos os países.

Sen "distorsionar" o mercado enerxético europeo

Sánchez subliñou que esta medida "non supón subvencionar o gas, non rompe os incentivos ás enerxías renovábeis nin aos fluxos eléctricos entre países" e permitirá ao Estado español e Portugal "baixar sensibelmente o prezo da electricidade de forma inmediata" e sen "distorsionar" o mercado eléctrico europeo. .

"Estou convencido de que a aprobación por parte da Comisión Europea terá lugar nun prazo moi breve e ao día seguinte aprobarase no Boletín Oficial do Estado (BOE) con efectos inmediatos na factura eléctrica dos cidadáns", engadiu.

O presidente do Executivo estatal asegurou durante a sesión de control desta cuarta feira no Congreso que o custo desta medida sería asumido polo propio sistema enerxético, é dicir, que non suporía a implementación de  subvencións nin axudas públicas.

Comentarios