Logo da publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do seu “Plan de Resposta” á crise derivada pola guerra de Ucraína, dotado con 1.423 millóns de euros, xorden numerosas incógnitas sobre a súa aplicación, que no referente á redución do prezo do combustíbel queda do seguinte modo:
A partir de cando se aplica?
A rebaixa ao prezo do combustible aplícase desde esta sexta feira, 1 de abril.
De canto será a rebaixa?
De 20 céntimos por litro, dos cales o Estado subvencionará 15 e as petroleiras un mínimo de cinco.
Até cando durará?
O “Plan de Resposta” estará en vigor durante os próximos tres meses, é dicir, do 1 de abril até o 30 de xuño, aínda que a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, mencionou que o Executivo estaba aberto a "adaptar as medidas" segundo o avance “das circunstancias xeopolíticas, de seguridade, económicas ou sociais" do conflito en Ucraína.
Que carburantes entran na rebaixa?
A gasolina, o gasóleo A e B, o gasóleo para uso marítimo, os gases licuados de petróleo para a propulsión de vehículos, o gas natural comprimido licuado para vehículos, o gas natural licuado, o bioetanol e o biodiesel, así como as mesturas de gasolina con bioetanol ou de gasóleo con biodiesel que requiran etiquetaxe específico ou o aditivo AdBlue.
A medida tamén marca que usos darán dereito ás bonificacións: uso como carburante en motores de vehículos terrestres, uso como carburante en embarcacións e uso como carburante en motores estacionarios e todo tipo de maquinaria.
Cantos cartos aforrará a cidadanía durante o seu tempo en vigor?
A Organización de Consumidores e Usuarios ( OCU) cifra o aforro dun fogar medio durante os próximos tres meses en 65 euros en caso do diésel e de 75 no caso da gasolina. A organización cre "insuficiente" esta rebaixa e reclama que de forma temporal se suspendan todos os impostos relacionados coa enerxía. Lembra que o Estado, nesta situación excepcional, é o principal beneficiario do incremento dos prezos dos carburantes.