A industria papeleira facturou 34% máis en 2022 malia reducir a produción

As fábricas de celulosa e papel do Estado español minguaron a produción, principalmente, polo incremento dos custos enerxéticos.
Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)
photo_camera Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

A industria da celulosa e o papel no Estado español incrementou a súa facturación por volta de 34% no pasado ano 2022, até os 6.991 millóns de euros, a pesar de que a produción caeu 4,6% en comparanza con 2021 no caso do papel e cartón, até as 6.354.648 toneladas, mentres que a produción de celulosa minguou un 13,1%, até as 1.544.000 toneladas. No Informe Anual 2022 do Sector da Celulosa e o Papel, presentado hoxe pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) explícase o retroceso da produción, principalmente, polo incremento dos custos enerxéticos derivado da invasión rusa de Ucraína.

Outros factores que incidiron neste resultado foron a redución da demanda polos elevados volumes de stocks na cadea de subministración e, adicionalmente, o impacto da seca nos procesos de fabricación de celulosa. En canto ao consumo de papel e cartón, móstrase un crecemento de 2% en comparación co ano 2021, situando así o consumo total no Estado en 7.038.927 toneladas, mentres que as cifras de consumo de celulosa alcanzaron as 1.957.000 toneladas, 7,4% máis que no anterior exercicio.

As dez fábricas de celulosa situadas no territorio estatal, entre elas a de Ence en Pontevedra, utilizaron 4.989.638 metros cúbicos (m3) de materia prima, 8,5% menos que o pasado ano, para producir un total de 1.544.443 toneladas de pasta de celulosa. Desde Aspapel apuntaron que a maior parte (94%) da madeira coa que se abastece o sector é de orixe local, "contribuíndo deste modo á xeración de emprego e de riqueza local", principalmente en contornas rurais, afirmaron.

As fábricas de papel do Estado reciclaron o pasado ano 5.057.998 toneladas de papel usado, o que fai que a taxa de reciclaxe sexa de 79,9%, situándoo como o país europeo con maior volume de reciclaxe, sempre segundo os datos achegados poer Aspapel.

Caen as exportacións, medran as importacións

O papel e cartón producido no Estado español e exportado aos mercados exteriores experimentou unha redución de 11,7%, en contraste co incremento de 8,9% de 2021, mentres que as exportacións de celulosa descenderon até os 0,80 millóns de toneladas, 25,4% menos que en 2021.

Pola contra, no que atinxe ás importacións, no primeiro grupo, incrementáronse 3,6%, até as 3.176.000 toneladas de papel e cartón, mentres que as importacións de celulosa aumentaron 8,2%, chegando ás 1.221.000 toneladas.

Investimento e emprego

A ratio de investimento sobre facturación do sector papeleiro segue a subir, chegando case a 7%. Así, os investimentos da industria papeleira, un total de 485 millóns de euros en 2022, seguiron destinándose á innovación e renovación tecnolóxica (33,5%), ao incremento da capacidade de produción (17,4%) e á calidade e medio ambiente (17,5%).

No que respecta ao emprego, a actividade realizada polas fábricas de celulosa e papel supuxeron no sector 16.968 empregos directos, isto é, 1,6% máis que o ano anterior, e arredor de 84.800 empregos indirectos que "xeran riqueza e contribúen á vertebración socioterritorial", salienta a patronal do sector.

Comentarios