Impulsan unha demanda conxunta para recuperar o diñeiro roubado polo 'phishing'

O despacho Pérez-Lema Avogados e Consultores realizou unha xuntanza para presentar unha demanda. Calculan que son 200 as persoas afectadas pola fraude a través da banca electrónica.
Unha oficina de Abanca en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Unha oficina de Abanca en Compostela (Foto: Nós Diario)

O número das vítimas na Galiza por 'phishing' a clientes de entidades bancarias segue aumentando. A maioría dos casos deste tipo de calote fóronse coñecendo durante este verán, e procedían de clientes da entidade Abanca, aínda que o problema tamén está presente noutras como Caixabank, Santander, BBVA, OpenBank, ou ING, entre outros, con oficinas en toda a xeografía galega. 

Diante desta situación o despacho PérezLema Avogados e Consultores realizou unha xuntanza esta terza feira en Compostela coa idea de agrupar baixo unha única dirección letrada a maior parte das e dos afectados, de forma que ninguén se vexa privado de presentar unha reclamación xudicial por este problema por carecer de fondos. 

Até 160.000 euros e superando o límite

"Sabemos que na Galiza este problema afectou unhas duascentas persoas aínda que seguro haberá máis", asegura a Nós Diario a avogada Ana González, que tomou parte na reunión xunto ao tamén avogado Xoán Antón Pérez-Lema. Coa práctica de suplantar a entidade bancaria as perdas económicas foron enormes, con casos que van desde os 2.000 euros "até 160.000 euros en varias retiradas", sinala a letrada. 

A demanda que presentarán terá en conta o real decreto que prevé a posibilidade de reclamar o diñeiro ás entidades bancarias.

"Aquí procede tamén porque deberían contar cun sistema de seguridade que evite que se retire diñeiro mesmo superando o límite indicado pola persoa cliente", aclara González, "entendemos que os bancos terían que bloquear a conta nese momento e quedar co importe até saber se a transferencia era correcta ou non", engade. 

Reclamación xudicial de cantidades

Tal e como argumenta esta avogada, as persoas afectadas deben realizar unha reclamación extraxudicial á entidade bancaria, "algo que fixo a maioría coa contestación, polo menos no caso de Abanca, negativa".

Por este motivo a alternativa, entende González, agora toca unha reclamación xudicial que non será colectiva "por ser consentimentos de cada unha das persoas afectadas por causas distintas" mais coa posibilidade de facer "unha acumulación na mesma demanda" aínda que veñan de puntos distantes da Galiza.

Malia que polo de agora a maior parte das persoas enganadas tiñan os seus aforros en Abanca, tamén contan con realizar demandas a outros bancos "que acumularán por entidades". 

Un engano nada novo

A suplantación da entidade bancaria con fins ilícitos non é nova no panorama de calotes galego. "Coñecemos este tipo de casos desde hai anos, mais agora aumentaron" e unha gran parte relacionados "con Abanca", indica esta avogada. 

Non sempre se reclamaron pola mesma vía e hai denuncias que empregan a penal. "Cremos que o mellor é a civil, coa idea de poder recuperar o diñeiro", conta González, "no outro caso moitas veces arquívase e remata por ser sobresido, non hai responsabilidade civil ou ao atopar ao culpábel xa non teñen a cantidade subtraída", conclúe.

A Audiencia de Pontevedra abre a porta ás afectadas

A principios de outubro coñeceuse a primeira sentenza favorábel a unha persoa enganada polo método do 'phishing' na Galiza. A Audiencia de Pontevedra condenaba a Abanca a devolver o diñeiro que lle retiraron a unha clienta que foi vítima da suplantación da identidade do banco para obter datos de acceso e dispoñer de seu saldo, 19.632 euros, sen o seu consentimento.

Abanca negábase a devolverlle o diñeiro ao entender que non adoptara todas as medidas de seguridade e un xulgado de Vigo fallara ao seu favor.

Mais a Audiencia revogou esta sentenza ao considerar que o banco non demostrou un comportamento "dilixente" tras coñecer a estafa nin que a clienta fora neglixente. Pola contra, o banco, segundo o fallo xudicial, era "coñecedor" de que se iniciara dita operación.

Comentarios