O Goberno galego recada por impostos ao xogo 160 millóns menos do que debería

A fenda entre a recadación normativa e a real supera 100% nos tributos das apostas
Salón de xogo con máquinas comecartos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Salón de xogo con máquinas comecartos. (Foto: Europa Press)

O modelo de financiamento que hai no Estado español ten uns dos seus eixos en deixar certa marxe aos territorios para fixar ou cobrar algúns tipos de gravames e impostos. 

O modelo de financiamento estabelece unha recadación normativa para cada comunidade autónoma. É dicir, a cantidade de diñeiro concreta que cada territorio debe ingresar nas súas arcas grazas a tributos cedidos e taxas propias como o imposto de transmisións patrimoniais onerosas, o imposto de sucesións e doazóns, os tributos sobre o xogo ou a parte autonómica do IRPF.

Desta cantidade, as autonomías deben achegar ao fondo común do Estado 75% para que o sistema redistribúa posteriormente os recursos. Que sucede? Que se a recadación real obtida finalmente non se corresponde coa fixada polo modelo, os territorios enfróntanse a un esforzo fiscal adicional para cubrir ese importante desfase.

E iso é o que acontece na Galiza, segundo Cincodías, no que atinxe aos impostos e gravames sobre o xogo. A recadación que, en base a este modelo, debería facer a Xunta neste sector estaría perto dos 190 millóns de euros. Mais a recadación real é ben distinta: apenas 28,5 millóns de euros, segundo os últimos datos de execución orzamentaria. Esta 'fenda' non é exclusiva da Galiza mais si que este é un dos territorios onde é máis ampla.  Eses perto de 160 millóns de euros sitúan a comunidade como a quinta do Estado con maior 'desfase'.

O sector

Os impostos sobre o xogo nas contías normativas non teñen en conta a actividade en liña porque se fixaron cando o sector estaba copado polos bingos, casinos e tómbolas. Mais estes últimos sectores están a ser beneficiados na Galiza de políticas e decisións do Goberno galego. Un exemplo é a Lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2023. Se no pasado exercicio —2022— a Xunta da Galiza aprobou unha bonificación de 20% nos impostos a casinos e bingos e de 30% nas máquinas comecartos, na anualidade para 2023 o Partido Popular propuxo unha nova rebaixa de 20% para os 11 bingos abertos na Galiza. Neste caso, desde o BNG e o PSdeG volveron denunciar a proximidade entre o PP e a patronal do xogo, presidida na Galiza por Serafín Portas.

A Lei de medidas fiscais e administrativas sinala no seu artigo 7 que “nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame de 50%. O suxeito pasivo poderá aplicar un tipo de gravame de 30% en cada período impositivo no que mantivera o emprego con respecto ao período impositivo inmediato anterior”. 

A diferenza do acontecido no exercicio anterior, o Goberno non vai poder explicar a decisión como consecuencia do “impacto da pandemia no volume de negocios do sector do xogo”.

Proximidade da patronal

A proximidade do Partido Popular á patronal do xogo é unha crítica que vén de lonxe nas forzas da oposición. 

A Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) tense gabado do apoio do Goberno galego, por exemplo durante a pandemia da Covid-19, coa disposición que permitía un maior horario de apertura a casinos, bingos, salas de xogo e locais de apostas que á hostalaría.

O presidente da patronal do xogo desde 2004, Serafín Portas,  está casado coa deputada do PP no Parlamento galego Lupe Murillo Solís e que previamente fora concelleira na corporación de Pontevedra entre 2007 e 2011. A nova lei de xogo aprobada en setembro do ano pasado polo Consello da Xunta substitúe a anterior, de 1985, e que durante estas décadas sufriu até 25 modificacións. 

A nova norma permitirá a apertura de novos locais de xogo, até un máximo de 175 que pode haber na Galiza: dous casinos, 12 bingos, 118 salas de xogo e 45 tendas de apostas. Uns límites que están a piques de se cumprir, pois só fican licenzas dispoñíbeis para dous bingos, catro salóns de xogo e tres tendas de apostas.

A nova lei estabeleceu que se ampliará de 150 a 300 metros o radio de distancia mínima que debe haber entre os propios locais de xogos, así como entre eles e colexios, institutos e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.

Ao longo de 2021 na Galiza 1.500 persoas pediron que se lles anotase no Rexistro xeral de interdicións de acceso ao xogo do Ministerio de Consumo, solicitando así que Administración e empresas do sector lles impidan o acceso a portais de xogos e apostas online. Unha ferramenta demandada desde os colectivos que traballan contra a ludopatía.  Os datos do estudo Caracterización do xogo de azar na Galiza: un problema de Saúde Pública —elaborado por profesionais da Universidade de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Saúde Pública—, apuntan que na mocidade galega de entre 16 a 24 anos, "16 de cada 100 realiza apostas en liña" e cifra en 1,2% a porcentaxe de galegos e galegas que están en "risco" polo xogo. 

Da poboación galega de 16 anos en diante, recolle o mencionado estudo da USC que 58,1% gastou diñeiro en xogos de azar nos últimos 12 meses.

Comentarios