O sector do xogo espera volver saír beneficiado na nova desescalada da Xunta

No anterior desconfinamento os casinos abriron até altas horas da mañá
O vicepresidente Rueda con directivos de Luckia. (Foto: Europa Press)
photo_camera O vicepresidente Rueda con directivos de Luckia. (Foto: Europa Press)

Os estabelecementos do sector do xogo, fechados na actualidade a causa das restricións da Xunta da Galiza fronte á pandemia, agardan como auga de maio a chegada da segunda feira, que será cando o Goberno galego anuncie, previsibelmente, unha relaxación das limitacións. O sector espera saír máis beneficiado que a hostalaría, tal e como aconteceu no desconfinamento anterior, xa que contaron cun horario moito menos limitado que os bares, fechando non antes das 4 da mañá, e todo, a pesar de teren despacho de bebidas alcólicas.

Unha realidade que, en palabras da deputada socialista Paloma Castro, provocou un "transvasamento de clientela" , maiormente xuvenil, desde os bares, cando estes fechaban, ás casas de apostas na procura de espazos de socialización nocturnos, co risco engadido de seren estes, negocios do xogo.

Para a deputada, as normas da Xunta que regularon as restricións horarias do sector do xogo constituíron ademais competencia desleal cara á hostalaría, polo que pediu que non se repita na nova desescalada.

Na comisión de Interior do Parlamento galego e en resposta a Castro, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, recoñeceu que as adicións si están a aumentar na sociedade, mais que estas non se deben, dixo, ao xogo presencial senón ao en liña, "que é de competencia estatal". Villanueva asegurou ademais que non é comparábel a hostalaría e o xogo, pois son sectores diferentes e aseverou que as zonas de bar dos bingos e casas de apostas cumpriron as mesmas restricións que a hostalaría ao deixaren de servir bebidas á mesma hora que o tiñan que deixar de facer os bares.

O director xeral tamén incidiu en que a Lei de acompañamento dos orzamentos 2020 frea a apertura de novos estabelecementos até que o Parlamento aprobe a nova lei do xogo, polo que os salóns están limitados a 118 na Galiza, as tendas de aposta a 41, a 12 os bingos, e a 4 os casinos (dous locais mais dúas salas adicionais).

Axudas millonarias

En resposta a unha pregunta de Luís Bará (BNG), Villanueva  informou de que a recadación pública da Xunta polo gravamen ao sector do xogo foi en 2019 de case 61 millóns de euros, mentres que en 2020 baixou a 35 millóns, a causa das restricións pola pandemia, razón pola cal xustificou que a Lei de medidas fiscais, aprobada o pasado 26 de xaneiro, aplique unha bonificación a casinos e bingos equivalente a 20% da débeda tributaria devindicada correspondente ao período impositivo de 2020.

Para o caso das máquinas de xogo a dedución poderase aplicar a 30%.

Comentarios