O Goberno estatal aproba 73 medidas para aumentar entre 5 e 13% o aforro de gas

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o novo plan de continxencia.
A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta terza feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta terza feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno do Estado español aprobou esta terza feira un plan de continxencia composto por un total de 73 medidas co obxectivo de alcanzar un aforro adicional no consumo de gas natural de entre 5,1% e 13,5% entre o pasado mes de agosto e maio de 2023, o período estabelecido pola Comisión Europea, de cara a afrontar as próximas estacións de outono e inverno no contexto actual de crise enerxética.

En rolda de prensa tras o Consello de Ministras e Ministros, a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, sinalou que con este plan, denominado 'Máis Seguridade Enerxética', quérese "reforzar a visión estratéxica e garantir a accesibilidade do prezo enerxético e a solidariedade co resto de europeos".

Ribera, quen subliñou que a situación do Estado español de cara ao próximo inverno "non é a mesma que viven" outros Estados da Unión Europea (UE) máis dependentes do gas ruso, destacou que para a elaboración deste plan recibíronse máis de 90 propostas para traballar nun documento "construído desde o diálogo" e que, na medida da volatilidade do actual contexto, o obxectivo é que sexa actualizábel. Así, a ministra, que puxo en valor o consenso alcanzado con todas as partes implicadas para a elaboración do plan, sinalou a súa intención manter este diálogo e que se implementará un sistema de seguimento mensual das medidas.

Este aforro, conforme a media dos últimos cinco anos, sería adicional, xa que actualmente as reducións na demanda estatal situaríanse ao redor 14%, co que o Estado español cumpriría así xa co compromiso adquirido ante Bruxelas dun recorte de 6,4% no período, segundo indicaron en fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Así mesmo, engadiron que o grao de cumprimento cara ao lado máis baixo ou alto da pinza dependerá do nivel de penetración das distintas actuacións.

En concreto, o plan de 73 medidas englóbase en seis grandes bloques: o aforro e a eficiencia, o impulso á transición ecolóxica, a protección das persoas consumidoras, a fiscalidade, a autonomía enerxética e a solidariedade co resto de Estados da UE.

Entre as principais medidas, das que se debe desenvolver no mínimo prazo o seu marco regulatorio para a súa aplicación, figuran ampliar a protección das persoas consumidoras vulnerábeis -cunha maior cobertura para o bono térmico e eléctrico e unha maior cantidade de poboación con protección-, así como traballar nunha proposta para as caldeiras comunitarias de cara a rebaixar a súa factura este inverno, afirmaron fontes do Ministerio.

Respecto ao sistema para rebaixar a factura desas facturas do gas das comunidades de veciñanza con caldeira, o obxectivo do Goberno estatal é que se coñeza nas próximas semanas. "Estamos a ultimar como facelo", dixo Ribera.

Así mesmo, o Goberno estatal seguirá impulsando o autoconsumo con outros 500 millóns de euros adicionais de axuda aos 900 millóns de euros aprobados e coa ampliación dos 500 metros para o autoconsumo a través da rede. Tamén se inclúe a aprobación de máis axudas fiscais para fomentar o investimento dos fogares en transición enerxética.

O Executivo alemán estuda pagar o gas a fogares e empresas

O Goberno alemán anunciou esta terza feira que planea aplicar un plan de dúas etapas valorado en 96.000 millóns de euros para aliviar a presión sobre as persoas consumidoras polo aumento dos prezos do gas, informou Reuters. Trátase, en primeiro lugar, dun pago único correspondente ao valor dun mes da factura do gas que se concederá aos fogares e ás pequenas e medianas empresas en decembro deste ano.

En medio dos anuncios dos Gobernos español e alemán, o FMI criticou as medidas intervencionistas no mercado enerxético, ao advertir de que os controis de prezos, os subsidios non focalizados ou as prohibicións de exportación son fiscalmente custosos e conducen a un exceso de demanda e escaseza de oferta. A institución tamén suxeriu un empeoramento da crise enerxética. "O inverno de 2023 será probabelmente peor", afirmou o FMI.

Comentarios