O encarecemento da enerxía dispara os prezos industriais até 42,8%

A suba é maior na Galiza que no conxunto do Estado español.
Fábrica de Nestlé en Pontecesures (Foto: Europa Press).
photo_camera Fábrica de Nestlé en Pontecesures. (Foto: Europa Press)

Os prezos industriais medraron 42,8% en agosto en comparanza co mesmo mes de 2021, e subiron outro 1,8% en relación ao pasado xullo, segundo informou esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta taxa interanual é un punto superior á que rexistra o conxunto do Estado español (41,8%), rematando así con catro meses de moderados descensos após o máximo alcanzado en marzo, cando os prezos subían a un ritmo de 47%.

Deste modo, o índice de prezos industriais (IPRI) encadea 20 meses consecutivos de taxas positivas. Desde outubro de 2021 o crecemento anual do IPRI foi superior a 30%.

O encarecemento da enerxía é a principal causa desta repunta, pois o seu custo incrementouse en até 105,7% no último ano para a industria galega, debido, esencialmente, ao aumento do prezo do gas experimentado nos últimos meses.

En segundo lugar fican os bens intermedios, cuxa repunta interanual é de 22,1% nesta altura de 2022, mentres o prezo dos bens de consumo non duradeiro soben 12,8%, por volta do 6,4% que rexistran os bens de consumo duradeiro. Pola súa parte, os bens de equipo sofren un encarecemento de 5,4%.

Crecemento desbocado de gas, petróleo e papel

Así, os custos na industria do subministro eléctrico e o gas crecen a nivel estatal a un ritmo interanual de 120,3%, seguida da actividade de refino de petróleo (+83,1%) e a industria do papel (+25,6%).

Comentarios