xoves 02/12/21

O Goberno español di aos traballadores que non está disposto a que a SEPI compre a planta de Alcoa

O comité defende que esa adquisición sería a súa "garantía" para que non pase o mesmo que na Coruña e Avilés e urxe unha reunión con Conde e Maroto
Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).
Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).

O Goberno español culminou a súa marcha atrás no proceso polo que se negocia a compravenda da planta de Alcoa en San Cobrao (Cervo) ao comunicar aos representantes dos traballadores que non está disposto a que a SEPI (a sociedade estatal de participacións industriais) sexa a que se faga coa planta, para despois transferila a un terceiro.

Após un primeiro intento frustrado, no outono pasado, as negociacións volveron activarse a comezos deste ano. A participación ou non da SEPI foi sempre un dos elementos clave na discusión entre Goberno estatal e empresa.

Respecto diso, nas últimas semanas o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, xa advertira de que non era necesaria esa "triangulación" ou "intermediación" por parte da SEPI, cuestión que Alcoa ve imprescindíbel. Con todo, o dirixente reclamou que sexa Alcoa a que venda a factoría a un terceiro directamente.

Esta quinta feira, nunha nova mesa multilateral na que Blanco non participou por cuestións de axenda, o Executivo estatal "comunicou que non están dispostos a meter á SEPI na compra desta fábrica", segundo trasladou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, visibelmente molesto.

Ante iso, o comité reclamou unha reunión "urxente e inmediata" ao criticar que xa van "15 días de atraso". Nese encontro, incidiu Zan, queren que estea o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a ministra de Industria, Reyes Maroto.

Para o cadro de persoal "é moi importante que a SEPI entre" porque é a súa "garantía" de que Alcoa "non vai facer o mesmo que fixo coa Coruña e Avilés", remarcou José Antonio Zan.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A multinacional estadounidense desfíxose desas dúas factorías e agora a xustiza ditaminou que nin Parter (primeiro comprador) nin Grupo Riesgo (segundo) foron un socio "serio" para dar un futuro industrial ás plantas.

A CIG esixe que se cumpra coa solución para a fábrica de San Cibrao que pasa pola intervención pública. "A reunión da mesa de seguimento para a venda da fábrica de aluminio de San Cibrao confirmou que nada se ten avanzado nunha solución definitiva e viábel. Alcoa e os gobernos español e galego seguen a escenificar o seu enfrontamento sobre os termos da venda, sen amosar ningunha das partes unha vontade real para materilizar a operación", sinala o sindicato nun comunicado.

O Goberno español di aos traballadores que non está disposto a que a SEPI compre a...
comentarios