O comité de empresa de Alcoa pide que entre a SEPI

A empresa reunirase esta quinta feira cos traballadores para informarlles do estado das negociacións coa sempresas interesadas en mercar a factoría de San Cibrao, Cervo.
Concentración o pasado 30 de maio en Xove (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Concentración o pasado 30 de maio en Xove (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio  Zan, urxe a que a Sociedade Estatal de Patentes Industriais (SEPI) se faga cargo da operación de compravenda da planta de Cervo (Lugo), despois do fallo da Audiencia Nacional que condena a Alcoa a indemnizar ou recolocar a traballadores das fábricas da Coruña e Avilés. Zan quere que o Ministerio de Industria "se meta de cabeza vía SEPI" na planta de San Cibrao, unha cuestión que exporán na reunión que manterán esta quinta feira.

Demanda que "a SEPI garanta toda a operación despois de que o xulgado diga que Alcoa actuou de mala fe coa Coruña e Avilés e só é posíbel esa fórmula para garantir que a venda sexa a un comprador fiábel". 

As empresas interesadas

Así mesmo, o presidente do comité informou que mantiveron contactos co Grupo Liberty e outras dúas compañías interesadas na planta de San Cibrao. "Son dous grupos que parecen serios e solventes, son grupos industriais a diferenza da Coruña e Avilés, que eran grupos de investimento bastante dubidosos".

Dos encontros con eses posíbeis compradores, o sindicalista puxo o acento en que "algún, mesmo, avanzou as solucións na operación". 

Piden contundencia con Alu Ibérica

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña urxe ás administracións, nun comunicado, a "tomar as rendas" do sector ao ver "probado" coa sentenza da Audiencia Nacional que o obxectivo de Alcoa era "esnaquizar" as plantas, tanto a herculina como a de Avilés.

Neste sentido, considera que o fallo "constata o tremendo engano" de Alcoa "en todo o proceso do expediente de regulación de emprego (ERE) que promocionou o 17 de outubro de 2018". Por este motivo concentraranse hoxe diante da Delegación do Goberno español na Coruña a partir das 12.30 horas. 

Pola súa banda, a multinacional do aluminio afirma que está a revisar a sentenza e que determinará os próximos pasos "no momento apropiado", segundo sinalan fontes da firma. En concreto a Audiencia Nacional condenou a Alcoa a cumprir as condicións sobre extinción de contratos que se produzan e de recolocación externa nos termos que se fixaron nos acordos alcanzados o 15 de xaneiro de 2019 na Coruña e Aviles.

Comentarios