O Goberno do Estado desestima os parques eólicos de Tramontana e Siroco promovidos por Greenalia

O Boletín Oficial do Estado publica este sábado as resolucións do Ministerio para a Transición Ecolóxica polas que denega as solicitudes da enerxética para os proxectos Siroco (Cerdedo-Cotobade e Forcarei) e Tramontana (Forcarei, Silleda, Cerdedo-Cotobade e Beariz).

Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)

O Goberno do Estado, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rexeita a solicitude de autorización administrativa previa e declaración de utilidade pública do parque eólico Siroco, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, e da súa infraestrutura de evacuación, segundo publica este sábado o BOE.

Nos mesmos termos desestima a solicitude de Greenalia –autorización administrativa previa e declaración de utilidade pública e da súa infraestrutura de evacuación– do parque eólico de Tramontana, cuxo proxecto atinxe as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes, Deza e o Carballiño.

Máis de 50 MW

O proxecto Siroco de 61,6 MW, estaría composto por 11 aeroxeradores de 5,6 MW cunha altura de 105 metros e 150 metros de diámetro, cunha capacidade de produción de 249.486 MWh/ano.

Pola súa parte, o proxecto de Tramontana de 72,8 MW disporía de 13 aeroxeradores das mesmas características técnicas que o anterior cunha capacidade de produción de 257.328 MWh/ano.

Ambos os dous, ao superaren os 50 MW, requiren o permiso do Goberno do Estado, a quen a Greenalia solicitou autorización.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica xustifica a súa negativa na falta de cumprimento da empresa promotora e informa que cabe "interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría de Estado de Enerxía no prazo dun mes para partir do día seguinte ao da notificación da presente resolución".

Transcorrido este prazo, aclara, sen recurso ningún, "a resolución será firme para todos os efectos".

Oposición da veciñanza

Desde finais de 2020, cando Greenalia impulsou a posta en marcha destes proxectos, a veciñanza de Tabeirós-Terra de Montes rexeitou a iniciativa e amosouse en contra do impacto negativo dos eólicos para o seu o patrimonio, a súa actividade económica e a calidade de vida da comunidade.

O movemento cidadá contrario á expansión eólica atinxe outras moitas comarcas da Galiza. Nunha semana, o próximo 26 de novembro, as cidades e o rural galego volveranse manifestar contra a "depredación enerxética" en Ferrol.

Comentarios