A Galiza supera xa os 7.000 locais comerciais baleiros

"É a mesma lectura do porqué de que a Galiza ten a maior porcentaxe de vivendas baleiras de todo o Estado español. Os seus donos prefiren velas desmoronarse antes que rehabilitalas ou vendelas. Pois o mesmo ocorre cos locais baleiros. Prefiren pagalos os seus gastos durante anos, antes de baixarlle uns euros de arrendamento”, engadiu Benito Iglesias, de Fegein.
Imaxe de arquivo dunha traballadora dun local comercial (Foto: Marta Fernández/Europa Press).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha traballadora dun local comercial (Foto: Marta Fernández/Europa Press).

Os locais comerciais baleiros na Galiza aumentaron 3,3% nos últimos dous meses, até alcanzar os 7.025 estabelecementos, segundo o 'Informe de Local Baleiro no Círculo de Comercialización en aluguer ou venda na Galiza' elaborado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein).

Segundo o estudo, entre febreiro e abril aumentou o número de locais comerciais baleiros nos concellos medianos e pequenos, debido a factores como o peche de oficinas bancarias e a xubilación dos seus antigos inquilinos e que non se volven alugar, entre outros. Porén, nas sete grandes cidades galegas as novas aperturas estabilizaron ou medran lixeiramente.

"A reestruturación do sector financeiro, e o que está por vir, provocou que nos últimos anos centos de tendas permanezan baleiras nos núcleos e semicentros das cidades e concellos máis poboados. Ademais, a actual situación económica e sanitaria, sumada a un auxe sen precedentes do circuíto de mercadotecnia en liña, agrava os peches no sector do comercio e da hostalaría nos próximos meses, con especial incidencia nos concellos do interior e de menor tamaño", afirmou o presidente de Fegein, Benito Iglesias.

Por provincias, na Coruña e Ourense, os locais baleiros aumentaron nos últimos dous meses até 2.500 e 2.100 estabelecementos, 8,6% máis e 10,5% máis, respectivamente. Pola contra, en Lugo e Pontevedra os locais de venda ou aluguer baixaron, até os 475 e os 1.950, 5% e 7,1% menos.

Ourense (+8,3%), Vigo (-2,2%) e A Coruña (+5,8%) son as cidades galegas con máis locais baleiros na actualidade, con 1.300, 1.075 e 900 estabelecementos baleiros respectivamente.

Unha Galiza "a dúas velocidades"

Para Fegein, o informe confirma unha Galiza "a dúas velocidades", cunha zona, formada por uns 40 concellos, que aglutinan 80% da oferta e demanda, e outros case 300 concellos onde a demanda está reducida na práctica ao núcleo urbano e só representa 20% do total.

En xeral, a restauración, o téxtil e as actividades alimentarias son os sectores que aglutinan a maior parte das operacións dos locais comerciais galegos, sendo as rúas céntricas as máis transitadas.

Fegein asegurou que o mantemento dun local comercial pechado supón un custo medio anual de 3.000 euros, polo que aconsella aos propietarios telos en aluguer ou venda a prezo de mercado, co fin de obter beneficios e non quedar sen actividade.

"É a mesma lectura do porqué de que a Galiza ten a maior porcentaxe de vivendas baleiras de todo o Estado español. Os seus donos prefiren velas desmoronarse antes que rehabilitalas ou vendelas. Pois o mesmo ocorre cos locais baleiros. Prefiren pagalos os seus gastos durante anos, antes de baixarlle uns euros de arrendamento”, engadiu Iglesias.

Comentarios