A suba do IPC de febreiro fai subir máis de 30 euros o prezo dos alugueiros na Galiza

As provincias da Coruña e Lugo, onde máis sube o prezo medio.
Publicidade dunha inmobiliaria na Mariña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Publicidade dunha inmobiliaria na Mariña. (Foto: Europa Press)

O portal inmobiliario Idealista vén de levar a cabo un estudo de mercado que mostra que os prezos de aluguer na Galiza subirán entre 30 e 44 euros, debido á súbida do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), no mes de febreiro, até 7,4%.

O estudo, que empregou como valor de referencia unha vivenda tipo piso de dous dormitarios, reflexa que o prezo medio do aluguer na provincia da Coruña será o que máis suba, pasando de 590 a 634 euros (44 euros).

Séguelle a orovincia de Lugo, na que o aluguer medio subiu 34 euros, dos 460 aos 494 euros. No caso de Pontevedra, o prezo medio pasou dos 450 aos 483 euros (33 euros máis).

Onde menos subirá o prezo medio dos alugueres será naprovincia de Ourense, cun incremento de 30 euros, de 400 a 430 euros.

A Galiza, onde máis suben os prezos

O prezo medio do aluguer principiou o ano cunha considerábel repunta na Galiza. Así o evidencia o informe que publicou a comezos de febreiro o portal Pisos.com con base no seu estudo de mercado.

Segundo estes datosen xaneiro de 2022 o custo medio foi de 5,52 euros por metro cadrado (euros/m2), o que supón un incremento de 1,69% en comparanza co mesmo mes de 2021. Con todo, a galega segue a ser a quinta renda de aluguer máis baixa, nunha clasificación que lidera Madrid (12,23 euros/m2) e fecha Castela e León (4,56 euros/m2).

No que atinxe ás capitais de cada circunscrición, as cidades de Lugo (+19,58%) e Pontevedra (+17,55%) lideran o incremento en 2022, mentres a segunda e terceira que máis baixan, após Soria (-7,98%) son A Coruña (-7,45%) e Ourense (-7,16%), respectivamente.

Así as cousas, a cidade de Ourense é a quinta do Estado co prezo medio do aluguer máis baixo (6,02 euros/m2).

Comentarios