Os prezos dos alugueres subiron 3,13% na Galiza

O prezo do aluguer aumenta 3,13% a nivel interanual en xullo, até 5,51 euros por metro cadrado
Unhas persoas pasan xunto a unha promoción de vivendas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unhas persoas pasan xunto a unha promoción de vivendas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os alugueres rexistraron na Galiza en xullo de 2021 un prezo medio de 5,51 euros por metro cadrado, o que supuxo un descenso mensual de 2,73% respecto a xuño, pero un aumento de 3,13% respecto ao mesmo mes de 2020, segundo un informe de pisos.com.

Interanualmente o aumento deuse en xeral en toda a Galiza, sendo a zona de Lugo (+11,91%) onde se rexistrou a cuarta suba máis elevada do Estado. Con 4,71 euros por metro cadrado en xullo de 2021, a zona de Ourense foi o territorio máis alcanzábel. Pontevedra (a 6,64 euros o metro cadrado), foi a zona máis cara da Galiza.

En canto ás cidades, Pontevedra (+2,62%) foi a sétima capital do Estado que máis subiu fronte a xuño. Pola súa banda, Ourense (-1,08%) foi na que máis caeu o prezo.

Lugo foi a quinta cidade que máis subiu do Estado

Dun ano a outro, Lugo (12,05%) foi a quinta cidade que máis subiu do Estado. No apartado de prezos, Lugo (a 5,82 euros o metro cadrado) foi a segunda cidade con título de capital de provincia máis alcanzábel do Estado. Pola súa banda, A Coruña (8,52 euros o metro cadrado) presentou a renda de alugueiro máis elevada da Galiza.

A Galiza foi o cuarto territorio no Estado coa mensualidade máis barata para as e os inquilinos. Pola súa banda, o piso tipo de aluguer en España tivo en xullo de 2021 un prezo medio por metro cadrado de 9,67 euros. Esta cifra lanzou unha suba mensual de 0,42% e na comparativa interanual caeu un 1,48%.

Comentarios