O crecemento económico bota o freo cunha desaceleración de 1,3 puntos mentres segue en aumento a inflación mensual

O PIB frea o crecemento a 0,2% no terceiro trimestre e cae tres puntos na taxa interanual.
O aumento do prezo da vivenda, por riba da media estatal ao longo de todos estes meses, pesa na inflación da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera O investimento caeu case 2 puntos. (Foto: Europa Press)

A economía do conxunto do Estado español botou o freo no último trimestre, entre xullo e setembro, cunha desaceleración do crecemento até 0,2%, fronte ao 1,5% do trimestre anterior, o que representa unha caída de 1,3 puntos neste período, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, o organismo estima que o consumo dos fogares aumentou no terceiro trimestre 1,1%, unha décima menos que no trimestre anterior, mentres que o consumo das institucións sen fins de lucro caeu 0,2%, fronte ao crecemento do 0,5% do período precedente.

O gasto público, pola súa parte, aumentou 0,6% entre xullo e setembro, volvendo a taxas positivas tras tres trimestres consecutivos de descensos. É, aliás, a maior repunta trimestral que rexistra o gasto público desde o segundo trimestre de 2021, cando subira 0,7%.

O investimento desacelerou o seu crecemento trimestral case dous puntos, desde o 2,5% do segundo trimestre ao 0,6% do terceiro, debido ao retroceso do investimento en vivenda, que baixou 0,1%, fronte ao crecemento de 6,5% do segundo trimestre.

No que atinxe ao sector exterior, as exportacións moderaron o seu avance trimestral até 1,3%, fronte ao 4,9% previo, mentres que as importacións incrementáronse 3,7%, case un punto por riba do que o fixeron no trimestre anterior.

A prezos correntes, o PIB do terceiro trimestre situouse en 328.764 millóns de euros, novo máximo histórico. Son case 5.000 millóns de euros máis (+1,5%) que no trimestre anterior e 23.237 millóns de euros máis que no terceiro trimestre de 2021.

Ao mesmo tempo, o PIB interanual desacelerou o seu crecemento até ficar en 3,8%, isto é, tres puntos menos que no terceiro trimestre. E o emprego medrou 2,9% na comparativa interanual no terceiro trimestre de 2022.

A inflación segue en ascenso en termos mensuais

O índice de prezos de consumo (IPC) rexistrou en outubro unha repunta de catro décimas en relación ao mes anterior a nivel estatal, o que representa a maior alza desde o pasado xuño, cando os prezos se dispararon 1,9%, segundo os datos avanzados esta sexta feira polo INE.

Na comparativa interanual, pola súa parte, recortou a taxa en 1,6 puntos, até situarse en outubro en 7,3%, o rexistro máis baixo desde xaneiro deste ano, cando ficara en 6,1%. O dato é 3,5 puntos inferior ao pico alcanzado en xullo, 10,8%, o máis elevado desde setembro de 1984.

Aliás, a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— mantívose este mes en 6,2%, o que representa 1,1 puntos menos que o dato do IPC xeral. En termos mensuais, a subxacente rexistrou tamén unha repunta de catro décimas. O INE publicará os datos definitivos do IPC de outubro o próximo 15 de novembro.

Comentarios