A fenda entre a suba do IPC e o incremento dos convenios é de máis de sete puntos porcentuais

Os acordos laborais incrementaron os salarios 3,69% de media.
O acordo estatal para a negociación colectiva fica sen renovar (Foto: Nós Diario).
photo_camera O acordo estatal para a negociación colectiva fica sen renovar (Foto: Nós Diario).

Os salarios pactados en convenio na Galiza subiron de media 3,69% até setembro, un dato máis de sete puntos inferior ao último Índice de Prezos de Consumo (IPC adiantado, que rematou o mes de agosto en 11%, segundo datos extraídos da estatística de negociación colectiva do Ministerio de Traballo e Economía Social. 

Este incremento salarial está na contorna da suba de 3,6% acordada entre o Goberno do Estado español e sindicatos estatais para o salario mínimo interprofesional (SMI) e está en liña coas directrices marcadas no Acordo Interconfederal para o Emprego e Negociación Colectiva (AENC) 2018-2020, que expuña subas salariais da contorna de 2% máis un punto porcentual ligado a conceptos como a produtividade, os resultados empresariais e o absentismo laboral.

Porén, este acordo a nivel estatal non foi renovado e polo tanto non recolle a influencia da inflación, que tivo nos últimos meses unhas cifras superiores na Galiza con respecto aos datos do resto do conxunto do Estado español. 

A non renovación do AENC de cara a 2022 é froito das diferenzas existentes ao redor da cláusula de revisión salarial, irrenunciábel desde o punto de vista sindical e non aceptada pola patronal ante os elevados niveis de inflación.

Pola súa parte, os convenios interautonómicos (aqueles rexistrados na Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social), tiveron unha variación salarial en setembro de 2022 de 2,23%, case nove puntos porcentuais da variación do IPC na Galiza.

Convenios sen revisión 

Ademais, segundo a estatística de Traballo (que neste caso non aporta datos a nivel galego), a maior parte os convenios rexistrados até setembro no Estado español non contan con cláusula de revisión salarial para evitar perdas de poder adquisitivo.

En concreto, dos 2.674 convenios contabilizados, só 14,3% (384) contaban cunha cláusula de garantía salarial e deles, 288 contemplan que esta se aplique con efectos retroactivos. 

Así, no Estado español, os convenios que recollen cláusula de revisión afectan a algo máis de 1,86 millóns de persoas traballadoras das 7,58 millóns amparadas polos convenios rexistrados até setembro, o equivalente a 24,6% do total.

Comentarios