Galiza bótase ás rúas para exixir a “recuperación” dos encoros e rexeitar a “estafa da luz"

A CIG chama á mobilización este 19 de setembro en 20 vilas galegas. As concentracións reivindicarán “a garantía no acceso e un prezo xusto da enerxía eléctrica”. Para iso reclámase que as administracións recuperen as centrais hidroeléctricas para que revertan na sociedade e insisten na demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega máis vantaxosa para o país.

Segue a evolución do prezo da electricidade en 'Nós Diario'. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera As familias galegas, que xa fan cálculos coa factura da luz, están chamadas a mobilizarse este domingo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Ferrol, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Ribeira, Compostela, Betanzos, Carballo, A Coruña, Cangas, A Guarda, O Porriño, Vigo, Verín, Ourense, Foz, Monforte, Lugo e As Pontes acollen este domingo 19 de setembro cadansúa concentración en demanda da xestión pública dos encoros galegos e para protestar pola “estafa da luz”, cuxa subida semella non ter fin.

Baixo o lema “Pola garantía no acceso e un prezo xusto da enerxía eléctrica, recuperación das centrais hidroeléctricas e Tarifa Eléctrica Galega”, a CIG chama a galegas e galegos á mobilización masiva contra os últimos acontecementos relacionados co servizo da electricidade, entre eles o baleirado excesivo de varios encoros na conca Miño-Sil.

A central sindical declara que esta medida, esta contestación social, é precisa “ante a escalada imparábel do prezo da luz e ante a impunidade na que actúan as eléctricas e o nulo papel que tanto o Goberno galego como o español están a ter para frear a suba da factura”.

Camiño dunha posíbel pobreza enerxética cada vez máis estendida, o sindicato baséase nas súas demandas do pasado para reivindicar unha solución o que considera unha “estafa”. Ademais, esta chega “cando Galiza se atopa diante dun novo proceso de colonización enerxética a través dos macroparques eólicos que ameazan os nosos montes e terras”.

Isto sucede, critican, en paralelo á crise en “comarcas enteiras” que van “camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos”.

Horarios e puntos de encontro

Por iso queren que a Galiza saía ás rúas este domingo. Ás 11 horas comezarán as protestas en Ferrol, en concreto na praza de Armas.

A Coruña (Obelisco); Cee (diante do Concello); Carballo (diante do Concello); Betanzos (praza García Irmáns); Compostela (praza Roxa); Ribeira (praza do Concello); Foz (diante da Delegación de Facenda); e Ourense (praza do Ferro) compartirán convocatoria ás 11. 30 horas.

Así mesmo, ás 12 horas está citada a cidadanía de Pontevedra (praza da Peregrina); Vilagarcía (praza da Galiza); A Estrada (praza do Mercado); As Pontes (diante do Concello); Lugo (subdelegación do Goberno español); Monforte (diante do Concello); Verín (praza do Concello); Vigo (farola de Urzaiz); O Porriño (praza do Concello); A Guarda (praza de Avelino Vicente); e Cangas (praza do Concello).

Un plan de 8 puntos

Mais a acción non se limita a unha protesta cívica, senón que a impulsora das concentracións ten a súa proposta de oito medidas que garantirían “un prezo xusto”. Estas son:

O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental e tamén a reversión ao público das centrais hidroeléctricas que rematen a concesión, algo que polo de agora a Xunta descartou.

Tamén se demanda a creación dunha empresa pública galega de electricidade para controlar esas presas e a fiscalización do resto das concesións hidroeléctricas. Igualmente propón que mude o sistema tarifario eliminando peaxes que “non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico”.

Aliás, o manifesto feito público coa convocatoria incide na necesidade de que se retiren as centrais, quer nucleares, quer hidroeléctricas, do “pool do mercado maiorista para fixar o prezo da electricidade”. Igualmente exixe a modificación transitoria dos impostos e o estabelecemento da Tarifa Eléctrica Galega, unha demanda que vén de vello.

Comentarios