Análise

Galicia 2024: a pesca ante a súa gran oportunidade

Torcuato Teixeira é avogado especialista en Dereito Pesqueiro.
En 2009, 80% dos 4.853 buques pesqueiros galegos faenaban no caladoiro máis próximo á costa galega, o Cantábrico-Noroeste (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera En 2009, 80% dos 4.853 buques pesqueiros galegos faenaban no caladoiro máis próximo á costa galega, o Cantábrico-Noroeste (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Hoxe neste artigo vou emitir, como ides ir lendo, varios xuízos de valor, pero antes vou deixar expostos unha serie de datos obxectivos que sirvan para contextualizar eses xuízos de valor. Así, podemos dicir que é un dato obxectivo, que nos pode gustar a algúns máis ou menos, e no meu caso máis ben menos... que o PP de Galicia leva gobernando este país dende o 2009. É un dato obxectivo que Galicia tiña censados a principio deste ano 2009 un total de 4.853 buques, dos que máis do 80% faenaban no caladoiro máis próximo á nosa costa, no Caladoiro Nacional de Cantábrico-Noroeste.

É un dato obxectivo que a principios deste ano tiñamos censados 4.232 buques, o que vén sendo 621 buques menos que no ano 2009, 621 buques que se perderon para sempre, porque os recursos pesqueiros pódense recuperar, pero os buques que perdemos xa non volven.

Noutras Comunidades Autónomas do Cantábrico, Euskadi nese mesmo período pasou de 263 a 200 buques; Cantabria de 168 a 131, e os nosos veciños do Principado de Asturias de 339 a 260 buques; o que vén sendo que estas tres Comunidades Autónomas perderon 179 buques en total no período 2009-2022 fronte ós 621 que perdeu Galicia.
E se acabamos a fotografía co que aconteceu ó nivel do Estado, pois resulta que a frota española estaba formada por 11.116 buques no 2009 e ao rematar o 2022 perdéranse 2.459 buques, dos que unha cuarta parte tiñan base en Galicia.

Ben, despois desta borracheira de datos obxectivos, e ante a recente convocatoria de eleccións por parte de quen gobernou este país nese período, podemos preguntarnos se o balance na pesca é positivo. Eu diría que, á luz dos datos obxectivos, estes derradeiros 14 anos son un fracaso sen paliativos, mais alá da boa vontade posta pola responsable na Consellería.

Xa sabemos que moitas cousas dependen de decisións de Madrid, e algunhas de decisións de Bruxelas, pero as Administracións autonómicas poden ter unha gran capacidade de decisión e influencia sobre todo se contan coas ferramentas necesarias, e vontade política firme de saberse a primeira potencia pesqueira do Estado e unha das principais de Europa, e exercer como tal. Claro que isto implica pór a disposición da Administración pesqueira e do Goberno galego un arsenal suficiente para xestionar o sector e defenderse desta guerra permanente onde hai moitos interesados en que os pescadores desaparezan do mar.

E volvendo agora aos datos obxectivos, alguén pode entender que en Euskadi, o seu Goberno e o seu sector conten con AZTI, Instituto Científico para estudar os diferentes recursos que explota a frota pesqueira vasca, entre outras funcións, e que en Galicia, con 20 veces más frota que Euskadi, non dispoñamos de nada que se lle pareza ni se lle achegue.

 A comezos deste ano tiñamos censados 4.232 buques, 621 buques menos que no ano 2009, 621 buques que se perderon para sempre

Alguén pode entender que tendo en conta a importancia das decisión que se adoptan en Bruxelas para este sector, Galicia non conte cunha equipa en Bruxelas traballando para o seu sector pesqueiro e apoiando e coordinándose co sector para tentar influír nas decisión que se adoptan na capital europea.

Desafío electoral

Ben, pois isto son dous exemplos do que aconteceu estes derradeiros anos; agora estamos convocados os galegos a elixir un novo Parlamento que elixirá quen presida a Xunta de Galicia, e temos que ter claro se o que nos interesa é seguir con este estado de cousas ou non.

Coido que á gran maioría dos galegos e galegas non debería interesarnos seguir con este dantesco cadro, independentemente da ideoloxía dun. O que parece evidente é que non debemos deixar que esmoreza o noso sector pesqueiro. Galicia ten unha singularidade co seu sector pesqueiro, un singularidade socioeconómica, cultural e estratéxica; e moitas veces os partidos que teñen parte ou todas as raíces fóra desta terra nin o ven nin o senten.

Non fai falta ser moi avezado para ver quen ten claro o que debe e ten que ser a pesca para este país, e tamén é importante, cando se nos indique o que cada grupo político pretende para este sector, ter memoria e ter presente a realidade que temos a día de hoxe despois de 14 anos.

E nun contexto en que os nosos mares e os nosos ecosistemas están no punto de mira dos oligopolios enerxéticos para inundalos de polígonos industriais da eólica mariña, tamén é importante ter en conta quen está ó carón do sector pesqueiro sen fisuras e equívocos.

No sector pesqueiro non é de estrañar que moitos pensen que non estamos ante unha crise senón ante un velorio, pero dende esta tribuna quero dicir alto é claro que hai un dito que di que “loitar non garante o éxito, pero chorar garante o fracaso”. E eu engadiría: se non cambiamos nada, nada cambiará.

Comentarios