Fronte común de 31 Alcaldías para un decreto sobre remanentes máis xusto

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na segunda das reunións xunto outros 30 rexedores
Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores participou na reunión (Foto: Arquivo)

Alcaldes de 31 municipios estatais, incluíndo o de Pontevedra, o único galego, e de capitais españolas como Madrid, Cádiz, Zaragoza ou Santander, reiteraron onte o seu rexeitamento ao decreto lei que recolle o acordo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o uso dos remanentes.

Ao finalizar a reunión, que é a segunda das últimas semanas, as rexedoras e rexedores instaron o presidente español Pedro Sánchez a presentar outro de maneira “exprés” que permita repartir un fondo de 5.000 millóns entre os concellos, teñan ou non superávit. Miguel Fernández Lores explicou que "sendo conscientes de que os alcaldes que estabamos alí temos moitas diferenzas que nos separan, incluso en política municipal, puxemos en común o que nos une que é, nin máis nin menos, o rexeitamento a un decreto que nos queren impor desde o Goberno do Estado, que é un decreto inxusto e discriminatorio e que non serve para as necesidades que temos os Concellos derivadas da crise da Covid-19".

Dúas peticións de Pontevedra

Neste sentido, o alcalde de Pontevedra expuxo dúas cuestións que foron incluídas no acordo final. Por unha banda, que o novo decreto recolla un fondo municipal independente da situación financeira de cada concello e que permita atender as demandas dos veciños e veciñas. Neste apartado,  o nacionalista puxo como exemplo o fondo destinado polo Goberno estatal ás comunidades autónomas, que non tivo en conta a situación financeira de cada unha, senón que se distribuíu "con criterios teoricamente obxectivos e máis ecuánimes".

Por outra banda que, mentres dure a crise derivada da Covid-19, non se aplique a “Lei Montoro” nos aspectos referentes á regra de gasto, déficit e estabilidade, porque estes tres aspectos, afirmou, impiden a utilización dos recursos económicos dos Concellos, que poden ser remanentes, superávit, ou acudir a débeda.

Representadas seis das dez cidades máis grandes

Participaron da reunión telemática os alcaldes de seis das dez cidades máis grandes do Estado español, que suman unha poboación de máis de 11 millóns de persoas. Os alcaldes e a alcaldesas participantes pertencen a 13 formacións políticas diferentes, exceptuando o PSOE, que non tomou parte da xuntanza.

Comentarios