Miguel Lores: "Queremos investir os remanentes municipais no que a veciñanza precisa"

Pontevedra encabeza a oposición á entrega dos remanentes municipais ao Estado e demanda autonomía para empregar os cartos que aforrou en beneficio da súa veciñanza. O seu alcalde denuncia ademais que a Lei Montoro impide aos concellos facer uso dos recursos que teñen dispoñíbeis e pide derrogala.  
O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999
photo_camera O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999

—De onde veñen os remanentes que Pontevedra ten e que se opón a entregar ao Estado?

Nós gastamos normalmente menos do que ingresamos polo que temos superávit contábel e ademais temos remanentes debido a en anos anteriores tamén gastarmos menos do previsto. Aos concellos impídesenos practicamente incrementar o teito de gasto respecto ao investido o ano anterior. Todo o que rebase iso fainos superar o teito de gasto. Así que os cartos que non se puideron empregar por mor dese límite pasan a ser os remanentes. Estes cartos aforrados son os que agora o Goberno do Estado quere.  

—Non deixa de ser paradoxal que Pontevedra teña superávit e ao mesmo tempo défice...

Nós o ano pasado gastamos máis do que nos permitía o teito de gasto. Utilizamos 75 millóns cando só podiamos gastar 73, e todo isto a pesar de termos case 5 millóns de superávit. Tivemos que demostrar ante as Administracións que non se trataba dun défice real e que o gasto realizado era preciso. 

Isto ponnos ante unha situación en que o superávit non se pode gastar e os remanentes tampouco, porque como gastemos un céntimo máis do que nos limitan polo investimento realizado no exercicio anterior, entramos en défice, mais  é un "défice" irreal porque o certo é que hai máis aforro que gasto. 
Isto é aplicábel a todas as Administracións, mais as únicas que cumprimos somos as locais, porque tanto a autonómica como o

Estado incumpren e van acumulando débeda. E agora que temos a necesidade de utilizar os remanentes para facer fronte á crise social e sanitaria, que implica máis investimento, o Estado quere incautar estes cartos dos concellos para atallar os seus propios gastos. É absolutamente inxusto. 

En total, en Pontevedra estamos a falar de 19 millóns de euros, unha cifra moi importante. Estamos en contra do decreto que regula esta incautación e reivindicámonos maiores de idade para gastar estes millóns no que a veciñanza precisa e non estamos de acordo con ter que darllos ao Estado para que logo este nolos reparta por tramos ao longo dos próximos anos. 

—Mais o presidente da Federación Española de Municipios (FEMP), Abel Caballero, di que o reparto dos remanentes que faga o Estado será beneficioso para os concellos.

O presidente da FEMP é do PSOE e ten obediencia debida, pero o que realmente queren facer é resolver o défice do Estado a costa dos 14 mil millóns que temos as Administracións locais aforradas e que corresponden á veciñanza. A ministra de Facenda di que logo se nos devolverán os cartos aos poucos, até en 15 anos. Sobre todo neste contexto, nós queremos empregar os remanentes para facer investimento que xere actividade económica no propio concello e dar servizo á cidadanía. 

—Vostede fala de incautación mais Abel Caballero recalcou o carácter voluntario da entrega dos remanentes. 

Din que é voluntario mais por unha banda o Estado non permite empregar eses remanentes e por outra o concello que non os dea tampouco recibirá nada a cambio dos fondos estatais para os municipios. Por iso que reivindicamos a derrogación da Lei Montoro, levantar a regra de gasto, que se nos permita empregar os remanentes a aqueles concellos que os temos e que se defina o acceso dos concellos aos fondos europeos, posto que se coñece que o Estado recibirá 140.000 millóns de euros pero non se sabe canto van recibir as Administracións locais. Isto é precisamente o que exiximos na  xuntanza que tiven con alcaldesas e alcaldes doutras nove cidades do Estado para facer fronte ao decreto da ministra de Facenda.

—Precisamente a derrogación da Lei Montoro é un compromiso electoral do PSOE e Podemos. 

Non hai xustificación para que non a derroguen. De feito até o Partido Popular di agora que hai que derrogala, mais hai que lembrar que o Bloque Nacionalista Galego xa presentou mocións en plenos municipais a prol de tombar esa norma e o PP sempre votou en contra. 

A Lei Montoro  e os aforros galegos

A Lei Montoro, así coñecida polo ministro de Facenda que integrou o Goberno de Mariano Raxoi; afecta concellos como o de Pontevedra, que tendo recursos económicos en forma de remanentes (liquidez obtida ao final do exercicio orzamentario), non poden utilizalos en beneficio da veciñanza. A lei imposibilita isto por tes vías: coa regra de gasto que impón un teito de investimento, co concepto de défice e co de estabilidade. 

PSOE e UP prometeran  derrogar a Lei Montoro, mais agora o Ministerio de Facenda baséase nela para pedir aos concellos que entreguen ao Estado os remanentes mediante o Real Decreto do 4 de agosto de medidas financeiras, de carácter extraordinario. A Federación Española de Municipios e Provinciais (FEMP) pactou que a entrega sexa voluntaria e que cada municipio reciba da Administración española e de maneira proporcional aos remanentes que cedan un ingreso non financeiro durante 2020 e 2021. A partir de 2022, e nun prazo de dez anos, os Gobernos locais "terán recibido a totalidade dos remanentes cedidos", dixo a FEMP. Ante isto, alcaldes como o pontevedrés exixen renegociar o decreto "porque non é un acordo de reparto de 5.000 millóns de euros [como anunciou a FEMP], senón que é unha incautación de 14 mil millóns dos concellos que se devolverán en 17 anos", di o rexedor Miguel Lores. 

Comentarios