Especial 25-X

O froito das árbores

As árbores froiteiras, esas grandes ignoradas nas estatísticas do noso país, sempre xogaron, e en menor medida seguen a xogar, un papel imprescindible na nosa soberanía alimentaria. Non resulta doado asignar un valor económico á froita que se produce na nosa terra porque apenas entra nas canles de comercialización habituais noutros produtos, pero calquera que posúa froiteiras na casa e aproveita o que elas nos dan sabe ben canto supón de aforro na economía familiar. Tamén por extensión podería supoñer un aforro enorme nas importacións de froita de Galiza. Mentres todo tipo de froitos se estragan polas cunetas das nosas aldeas, a maioría dos que comemos proceden de fóra.
Algunhas variedades de mazá galegas. (Foto: R. M. P.)
photo_camera Algunhas variedades de mazá galegas. (Foto: R. M. P.)

*Ramiro Martínez Picos é o presidente da Asociación Galega de Froitas Autóctonas

Para coñecer o que supuxeron na nosa historia pasada os froitos das árbores teríamos que recorrer a moitos documentos antigos e a xacementos arqueolóxicos, en boa parte aínda descoñecidos. Non é este o sitio nin eu a persoa para isto, pero os froitos das árbores figuran en escritos de todas as épocas, destacando a maceira, as videiras e os castiñeiros como especies predominantes, pero tamén as cerdeiras, figueiras e outros.

É coñecida a importancia histórica da produción e exportación de cítricos de Galiza entre os séculos XVI a XIX. Aínda hoxe se cultivan variedades probablemente procedentes desa época e se conservan vestixios históricos dos embarcadoiros de laranxas e limóns, como, por exemplo, o de Ombre en Pontedeume.

Na nosa historia máis recente, podemos encontrar testemuñas vivas que nos relatan a importancia da froita en moitas parroquias ou comarcas galegas. A modo de exemplo, na bisbarra do Eume-Ferrol-Ortegal, eran famosas as cereixas das parroquias de Naraío (San Sadurniño), Ombre (Pontedeume), ou Eirís (Cabanas) pola súa abundancia e calidade. Era frecuente que as persoas se desprazaran ata alí e mercaran cereixas aos propietarios que as poñían á venda á beira das estradas; outras veces vendíase o froito da árbore en pé e eran os propios compradores os que as apañaban.

[Podes ler a análise íntegra de Marcelino Fernández Mallo no caderno especial Día da Patria Galega que se distribuirá de balde xunto ao Nós Diario a próxima terza feira, 25 de xullo]

Comentarios