Ferroatlántica pide á Xunta a segregación para poder vender as centrais da Costa da Morte

Afirma que esta vía é a “único” que garante “o futuro” da compañía en Galiza e o mantemento do emprego.

Ferroatlántica manifestación

Ferroatlántica solicitou formalmente á Xunta de Galiza a segregación da produción de ferroaleacións e da enerxía eléctrica, para poder así vender as centrais hidroeléctricas que posúe en Cee e Dumbría, na Costa da Morte. A través dun comunicado de empresa Ferroatlántica informa que deu inicio aos trámites “para levar a cabo a operación” e afirma que este paso é o “único” que garante o futuro da compañía no noso país e o “mantemento” do emprego.

A empresa solicita formalmente a Augas de Galicia que, en base ao “interese xeral” e “de acordo a dereito” volva estas concesións hidráulicas ao seu “estado orixinal”. Con isto procura que se elimine a prohibición que se lle impuxo no seu momento, a comezos dos 90 e pola Xunta de Fraga, de segregar as actividades.

Ferroatlántica dille os traballadores das seis centrais hidroeléctricas que “non deben temer” polo seu futuro laboral, afirmando que atopou “un comprador solvente que garante por escrito preservar o emprego”.

Comité de empresa e concellos da comarca posicionáronse en reiteradas ocasións contra a segregación.

Venda

A comezos de febreiro coñecíase que as centrais hidroeléctricas de Villar Mir nos ríos Xallas e Grande venderíanse por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informaba que atinxiu un “acordo definitivo” para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros.  O acordo confirmouno a empresa cun feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque. 

Comentarios