Feminización do consumo, feminización da supervivencia


Cadrando co Día internacional da infancia, vén de se presentar nestes días un informe financiado por LaCaixa e elaborado polo Observatorio social de España (OSE) e a Universidade catalá Pompeu Fabra. Aínda que non contabilizan o traballo dos coidados, si que recoñecen o papel das mulleres á hora de evitaren "peores consecuencias económicas e de risco de pobreza".

Cómpre pór riba da mesa tres afirmacións: as consumidoras son mulleres na súa maioría; a produción dos alimentos está tamén preferentemente en mans de mulleres; a pobreza ten cara de muller. Se elas producen e elas fan a compra, por que son elas as que pasan fame? A nivel global, os datos da FAO describen un planeta famento en que unha de cada oito persoas non ten que levar á boca. Ao ouvirmos esta afirmación non cómpre pensar nun país empobrecido. Na Galiza hai 600 mil persoas que viven na pobreza, 111.305 sofren privación material severa e unha de cada cinco crianzas medra nun fogar pobre en que ningunha persoa ten emprego remunerado.

Datos que propoñen unha reflexión sobre o que as familias gastan en comida, e en que tipo de produtos invisten eses cartos para valorarmos se reducir a dependencia dos (super)mercados rebaixaría tamén os índices de pobreza. Os informes da FAO din tamén que a produción de alimentos desde os anos '60 até hoxe se multiplicou por tres, entrementres a poboación mundial só se duplicou.

Hai comida dabondo para garantir que ninguén pase fame, mais o control da produción, distribución e consumo de alimentos en mans de grandes multinacionais —10 empresas controlan o 76% das sementes no mundo; e no Estado español o 75% da distribución de comida está en mans de sete nomes— convirte a comida en mercadoría e determinan o que comemos.

Hai comida. Falta logo ter acceso a ela. Podemos responder agora a cuestión de por que a pobreza golpea con máis forza as mulleres: elas producen, mais a comercialización é cousa dos homes, ao igual que o acceso á terra e aos medios técnicos. Voces como a de Marcial Blanco, da cooperativa Zocaminhoca, chaman a ver a crise "como unha oportunidade" e insisten en que a "forma real" de aforrar está na compra de alimentos frescos nas cadeas curtas de produción, eliminando intermediarios e escollendo o local fronte a 'alimentos quilométricos'.

Comentarios