O Goberno español estuda abaratar a enerxía nos territorios con máis renovábeis

Foi a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, quen o apuntou na quinta feira, durante un almorzo informativo: o Goberno do Estado analiza a posibilidade de que o prezo da electricidade sexa máis baixo nos territorios con máis enerxía renovábel.

Parque eólico Monte Seixo e Serra do Cando explotado por Gamesa. (Foto: M.O.)
photo_camera Parque eólico Monte Seixo e Serra do Cando explotado por Gamesa. (Foto: M.O.)

A reivindicación dunha tarifa eléctrica diferenciada para a Galiza -a tarifa eléctrica galega- vén repetíndose nos últimos anos nas filas do nacionalismo galego, por medio do BNG, tanto no Parlamento galego como no Congreso, e por medio da CIG.

Entenden que polo feito de que a Galiza sexa exportadora de enerxía -produce ao redor dun 30% máis do que consome- e padeza a pegada ecolóxica e social da produción enerxética debería contar cunha tarifa diferenciada, máis barata.

As reclamacións do nacionalismo non espertaran unha resposta positiva por parte do Goberno galego nin do español -de feito, tanto PSOE como PP teñen votado en contra das propostas do BNG para aprobar unha tarifa eléctrica galega-, mais na quinta feira, a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, apuntou publicamente que analiza a posibilidade de que o prezo da electricidade sexa máis baixo naqueles territorios que máis contribúen a xerala por medio de renovábeis, o que afectaría a Galiza.

Tamén nos últimos días a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) expuxo nos últimos días a posibilidade de outorgar "beneficios directos" á veciñanza como "prezos máis baixos da electricidade".

"Cando falamos de enerxías renovábeis falamos de territorio, falamos de industria, de enerxía a prezos estábeis e razoábeis, pero falamos tamén de territorio. É moi importante ter presente o territorio, os veciños e non soamente os compoñentes ambientais, a biodiversidade e os ecosistemas. É un debate que debemos abrir tamén, de que maneira se compensa, se recoñece, e se facilita o acceso aos beneficios das enerxías renovábeis para as comunidades locais". Así se manifestaba na quinta feira Ribeira nun almorzo informativo en Madrid.

A ministra asegurou estar oíndo “moitas ideas moi interesantes que nos permitirán seguir avanzando nesta dirección", en alusión a Alemaña, que prevé fixar un menor prezo da enerxía canto maior sexa a súa xeración de fontes renovábeis nas distintas zonas.

Hai uns meses era o presidente español, Pedro Sánchez, quen se comprometía ante o xefe do Executivo de Aragón, Javier Lambán, a que habería beneficios para as comunidades que acollesen grandes proxectos de renovábeis. Precisamente, a este respecto, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, puña de manifesto que "a Galiza non pode continuar de espectadora mentres comunidades como Aragón ou Castela e León -con Gobernos do PP e do PSOE- piden compensacións pola súa produción de enerxía renovábe" e lamentaba que o PP e o PSOE votaran "sistematicamente en contra" dunha tarifa eléctrica galega.

Na Galiza, o concello de Muras, o que máis potencia eólica ten instalada, aprobou en 2015, a instancias do BNG, partido que goberna o municipio, unha ordenanza para bonificar o consumo eléctrico doméstico, tendo en conta a renda dos fogares e, desde 2019, tamén se benefician as actividades económicas. Tamén Mazaricos, gobernado polo BNG, aplicou beneficios para a veciñanza por soportar os prexuízos da instalación de aeroxeradores no seu territorio.

Comentarios