A empresa Vestas gaña 15 millóns tras deslocalizar a fábrica de Viveiro

A multinacional danesa fechou a súa planta na Galiza en 2021. 
Antiga planta de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Antiga planta de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario).

O fabricante danés de aeroxeradores Vestas rexistrou un beneficio neto atribuíbel de 15 millóns de euros no primeiro semestre de 2023, fronte ás perdas de 765 millóns contabilizadas pola multinacional no mesmo período do ano anterior, segundo informou a empresa que, o 31 de decembro de 2021, fechou a súa planta de Viveiro, na Mariña, deixando  cun expediente de regulación de emprego (ERE) 150 traballadoras e traballadores.

Entre xaneiro e marzo, os ingresos de Vestas sumaron 2.829 millóns de euros, un 13,8% máis, mentres que o resultado bruto de explotación (Earnings Before Interest Taxes Depreciation and Amortization, Ebitda) foi de 2.062 millóns, tras un resultado negativo de 585 millóns no primeiro trimestre de 2022.

Deslocalización no Porto

A planta de Vestas en Chavín, en Viveiro (A Mariña) seguiu en 2021 o mesmo camiño que a de Gamesa nas Somozas, en Ferrolterra, que se desprazou até Aveiro, en Portugal. O seu camiño de deslocalización situouna nese mesmo país, concretamente un pouco máis ao norte, no Porto.

O fabricante de pas eólicas realizou fortes investimentos nun complexo, o Porto Vestas Design Center, forma parte da rede de enxeñería da compañía xunto a outros centros en Alemaña, Dinamarca, India ou Reino Unido que se dedican á innovación e formación para o desenvolvemento de novos produtos. 

A multinacional Vestas comezou neste emprazamento en 2017 con 80 profesionais, e o Centro non deixou de crecer desde entón. Na actualidade, emprega a case 600 enxeñeiras e enxeñeiros de alto nivel procedentes de 24 países diferentes, dos cales o 80% son portugueses.

Comentarios