O comité ameaza con levar Vestas ante a Xustiza danesa

O comité de Vestas estuda demandar á matiz do grupo en Dinamarca por "mala fe" nas negociacións para a venda da planta de Chamín, en Viveiro.
Concentracións diante das instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro, por demandas laborais en 2014 (Arquivo de CCOO).
photo_camera Concentracións diante das instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro, por demandas laborais en 2014 (Foto: Arquivo de CCOO).

O persoal de Vestas, a menos dunha semana de que a empresa danesa cumpra as súas ameazas e cese a actividade na factoría de Chavín (Viveiro), comeza a endurecer as súas accións co gallo de facer que a multinacional reconsidere a súa marcha ou, cando menos, que facilite unha saída que garanta a actividade e a continuidade dos postos de traballo.

A seguinte medida, que será sometida a unha próxima asemblea, podería ser demandar a empresa e mesmo levar á matriz do grupo, con sede en Dinamarca, ante a Xustiza daquel país.

Segundo explicou o presidente do comité de empresa, David Mariño, a demanda se interporía co fin de "demostrar a mala fe negociadora que tivo Vestas en todo este tempo", desde que o pasado mes de setembro anunciase a súa marcha.

Xunto á ofensiva legal, os representantes dos traballadores e as traballadoras estudarán se retoman as mobilizacións para protestar polo expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta as 115 compoñentes do cadro de persoal e polo fechamento da factoría de Chavín.

Un expediente que, por outra parte, xa está recorrido e con data prevista para o xuízo, o 20 de xaneiro.

O persoal de Vestas estudará se retoma as mobilizacións de protesta

Na véspera da Noiteboa, Mariño confesou que os ánimos "están un pouco decaídos [...] mais aquí estamos aguantando o tirón até o final", engadiu. Asume que finalmente haberá feche e engade que "a negación non sirve para nada".

"Temos que mirar cara adiante, pensar no futuro e no que nos vén despois do 31", indicou Mariño, ao tempo que recoñeceu que o persoal está "abatido" polo momento no que van perder os seus postos de traballo.

Comentarios