A conselleira de Emprego acusa Vestas de bloquear a venda de Chavín

María Jesus Lorenzana comunica o comité de Vestas e os sindicatos que os investidores renunciaron polos "obstáculos" da multinacional danesa. 
A conselleira de Emprego reuniuse co persoal de Vestas (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera A conselleira de Emprego reuniuse co persoal de Vestas (Foto: Xoán Crespo).

O persoal de Vestas acudía esta sexta feira á reunión da mesa na Consellaría de Traballo coa esperanza de que desde a Xunta facilitasen algún tipo de alternativa ao feche da planta de Chavín, en Viveiro, mais o único que obtiveron é a confirmación de que os fondos que supostamente amosaron interese por adquirir as instalacións renunciaron finalmente a presentar ofertas.

Segundo a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a empresa "vén de bloquear" as negociacións con grupos investidores interesados en adquirir a planta.

Neste senso, denuncia que a multinacional danesa, "coa súa actitude, está a imposibilitar calquera posibilidade de venda da fábrica de Viveiro", operación que ve como "única saída" para manter a planta activa e preservar os postos de traballo.

Na reunión que mantivo esta sexta feira en Compostela con membros do comité e representantes sindicais da planta de Chavín, Lorenzana comunicoulles que os investidores interesados que atopou a Xunta "renunciaron ao seu propósito ante os obstáculos impostos pola multinacional".

Vestas está a imposibilitar coa súa actitude calquera posibilidade de venda da fábrica

"Vestas non se atopa interesada en vender, non quere que ningún outro competidor adquira a factoría e leve a cabo un proceso de reindustrialización na fábrica para así poder manter o emprego", lamentou a titular de Emprego da Xunta.

Con todo, Lorenzana asegurou que o Executivo galego vai continuar "traballando na procura doutros compradores", ao tempo que sinala que é "necesario máis tempo para fraguar un proceso de compra que garanta a actividade produtiva da factoría".

Por último, na liña mantida polo Executivo galego, a titular de Emprego exixiu"unha maior implicación" ao Goberno estatal, "practicamente desaparecido" no conflito, ante a súa "pasividade" para buscar compradores e a "mínima implicación" na procura dunha solución.

Comentarios