Unha empresa da República Checa compra as fábricas e centrais eléctricas de Xeal

No pasado mes de setembro o persoal de Xeal mobilizouse ante a sede do Goberno galego para reclamar que que exixa á compañía que cumpra coas condicións das concesións para a explotación de saltos hidroeléctricos na Costa da Morte.
Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal. (Foto: Josfor)
photo_camera Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal. (Foto: Josfor)

Unha empresa checa vén de comprar as centrais eléctricas e as fábricas de Xeal (antiga Ferroatlántica). Segundo puido saber Nós Diario, o persoal de Xeal terá unha reunión ao longo da mañá desta quinta feira para valorar esta venda á empresa de nome Energo-Pro.

No pasado mes de setembro o persoal de Xeal mobilizouse ante a sede do Goberno galego para reclamar que que exixa á compañía que cumpra coas condicións das concesións para a explotación de saltos hidroeléctricos na Costa da Morte, ligadas ao mantemento da actividade industrial, algo que, segundo denuncian, os propietarios desde 2019 do complexo non seguen.

Agora, coa compra da empresa por parte de Energo-Pro está por ver que decide facer cos postos de traballo do persoal.

Ademais, o comité de empresa de Xeal pediu en agosto reunirse cos grupos parlamentarios na Cámara galega para trasladarlles a súa preocupación polo "novo intento de segregación encuberta das actividades" exercido pola compañía.

Con esta reunión, os traballadores pretenden que as tres formacións políticas coñezan e apoien as súas demandas, que recollen a constitución dun plan industrial e de viabilidade das fábricas.

Alcoa San Cibrao

Por outra parte, o comité de Alcoa San Cibrao, en Cervo (A Mariña), tamén se reúne esta quinta feira de forma extraordinaria para abordar "medidas a tomar" ante a decisión da compañía de paralizar de forma temporal a fundición de aluminio.

Este encontro urxente está motivado polo feito de que Alcoa decidise esta paralización a pasada segunda feira. A planta de aluminio esgotou todo o seu inventario e para temporalmente os seus fornos "debido a unha difícil situación de mercado, que inclúe os altos custos de enerxía e falta de pedidos de clientes", expón a empresa.

A fundición poderá renovar as súas operacións se as condicións do mercado melloran. A fundición da planta de aluminio continuou operando tras a paradas das cubas de electrólise en xaneiro de 2022.

Con todo, a compañía garante que o axuste da produción "non terá ningún impacto no emprego da planta, o seu mantemento, nin nos investimentos previstos".

Precisamente, a semana pasada, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, xa informou de que se viven "problemas" na fundición, debido a que só fabrican 50.000 toneladas das que se poderían fabricar, debido a que "os clientes deixaron consumir polo problema industrial".

Comentarios