As eléctricas obtiveron dos ríos galegos beneficios de 3.522 millóns entre 2013 e 2022

A Galiza ten un papel central na enerxía hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado. Precisamente, as compañías eléctricas obtiveron na última década dos ríos galegos uns beneficios de 3.522 millóns.

Hidraúlica_p3
photo_camera 2022 foi o ano con maiores beneficios para as empresas hidráulicas.

Os encoros galegos forneceron as compañías enerxéticas duns beneficios de 3.522 millóns de euros na última década. As maiores ganancias correspondéronse cos exercicios de 2021 e 2022, como consecuencia do elevado incremento do prezo da luz no mercado grosista. Porén, os peores resultados económicos rexistráronse nas anualidades de 2017 e 2020, cando os seus beneficios ficaron en 126 e 145 millóns de euros, respectivamente.

Os dous últimos exercicios resultaron históricos para a conta de resultados das empresas hidroeléctricas. Na primeira das anualidades, os seus beneficios chegaron a 738 millóns de euros, como consecuencia da alza dos prezos da electricidade e do incremento da produción. Ao tempo, en 2022 as ganancias destas compañías alcanzaron 755 millóns, as cifras máis elevadas da última década, malia a caída da capacidade de xeración como consecuencia das circunstancias climatolóxicas.

A hidráulica é unha das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera. Neste sentido, pasa por ser por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achega ás compañías do sector cunhas ganancias medias para o período de 2013 a 2022 de perto de 350%, tras situarse o prezo medio da electricidade no mercado grosista para o período en 76,5 MWh e os custos de produción en 22,04 euros MWh. Así, son tantas ganancias xeradas pola electricidade de orixe hidráulica que no sector enerxético son coñecidos como “beneficios caídos do ceo”.

Uns beneficios históricos

As ganancias das empresas hidroeléctricas chegaron en 2022 a 913% e en 2021 a 535%. A isto, ten contribuído a alza do prezo medio da electricidade nesas dúas anualidades, mais as elevadas marxes desta tecnoloxía de xeración de electricidade atende a razóns de carácter estrutural. Nesta liña, resulta chave a reforma do mercado enerxético impulsada polo Goberno de José María Aznar en  1997, conforme ás indicacións da Unión Europea (UE), que fixou como obrigatorio o denominado sistema marxinalista, que non atende aos custos reais de produción das diversas tecnoloxías para fixar o valor final do prezo da electricidade.

A Galiza é unha grande produtora de electricidade orixe hidráulica, até xerar na última década 73.902.155 MWh. Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE), os anos de maior xeración foron 2014 e 2013, con 9.853.784 MWh e 9.642.680 MWh. Pola contra, as peores cifras coincidiron con 2017 e 2022, cando a electricidade producida rematou en 3.263.526 MWh e 4.134.075 MWh. A este respecto, destaca o escaso investimento en melloras tecnolóxicas nestas instalacións, atopándose a práctica totalidade dos grandes encoros galegos amortizados desde hai décadas.

Os custos de produción da totalidade das centrais hidroeléctricas galegas situáronse en 1.623 millóns de euros entre 2013 e 2022. Segundo sinala o membro do Colectivo Bidán de debate enerxético, Quico da Silva, a Nós Diario, “os custos de produción dunha central hidroeléctrica están en 22,04 euros MWh”. Nesta dirección, recoñece que “esta é unha cuestión en discusión”, sendo esa cifra a máis elevada das que manexan os especialistas en funcionamento do mercado eléctrico e as propias empresas.

Quico da Silva apunta a que “os datos máis recentes dos custos de produción dunha central hidroeléctrica proceden da Confederación Hidrográfica do Ebro (CHE). Se ben un estudo de 2008 da Comisión Nacional de Enerxía cifraba estes custos entre 3 e 7 euros, os números da CHE falan de 22,04 euros MWh, correspondéndose 10 euros MWh cos custos anuais de xeración e 12,04 euros MWh cos custos anuais de mantemento”. Tomouse como referencia está contía para determinar os custos da operativa das centrais hidráulicas.

A Galiza é unha gran  potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde á Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta.

O negocio hidraúlico en mans foráneas

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede en Bilbo (Euskadi), conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts en 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando os seus impostos en Madrid.

A terceira destas empresas, Endesa, propiedade da compañía pública italiana Enel e con enderezo fiscal na comunidade de Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros.As tres compañías anuncian resultados históricos para este exercicio e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza.

O Estado tramita a autorización de 8 centrais hidráulicas con 3.095 MW

O Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) tramita a autorización na Galiza de oito proxectos de hidráulicas cuxa potencia total sitúase en 3.095 megawatts (MW). A falta de que o organismo da Consellaría de Medio Ambiente, Augas da Galiza, descarte un dos dous encoros solicitados para o río Tambre, á altura do Concello de Brión (comarca de Compostela), as previsións apuntan a un incremento na capacidade de xeración eléctrica de orixe hidráulica da Galiza de perto  de 82,7%. A maior parte das iniciativas están promovidas por empresas con sede social fóra da Galiza.

Iberdrola promove un destes proxectos, cunha potencia de 900 MW, en Vilariño de Conso, na comarca de Viana. A andaluza Magtel impulsa dúas centrais hidráulicas na Galiza cunha potencia conxunta de 410 MW, emprazándose a primeira nos concellos da Veiga e do Bolo, na comarca de Valdeorras, e a segunda nas Pontes (Eume). Feroe Ventures & Investments, sociedade vinculada ao fondo Sixth Street Partners e Ithaka, proxecta unha instalación cunha potencia de 400 MW no concello de Mazaricos, na comarca do Xallas.

O grupo andaluz San Isidro Solar ten solicitado permisos para un central de 260 MW en Castrelo de Miño, na comarca do Ribeiro. A madrileña Capital Energy pelexa por 339 MW nunha central a erguer sobre o río Tambre, na parroquia de Cornada, en Brión. Por último, a galega Tasga tramita diante do Ministerio a autorización para erguer unha central hidroeléctrica de 352 MW en Cerceda, na comarca de Ordes.

Comentarios