Os concellos con encoros perden máis poboación

A perda de poboación é unha constante naquelas comarcas de alta concentración hidráulica. A construción dos encoros provocou o desprazamento dos residentes polo asolagamento das súas vivendas e privou os territorios das terras de máis valor agrícola situadas nas ribeiras dos ríos.
Estado do encoro de Belesar, o máis grande da Galiza, o 22 de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Estado do encoro de Belesar, o máis grande da Galiza, o 22 de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O primeiro encoro levantado no río Miño atópase nos Peares, localizado entre os concellos de Carballedo e Pantón. A central impulsada por Fenosa tivo a súa orixe nunha concesión de 1910, actualizada en 1943 polo Goberno de Franco, porén as súas obras non comezaron até 1947, entrando en funcionamento en 1955. O complexo, cunha presa de gravidade de 90 metros de altura, unha capacidade de 182 hectómetros cúbicos e unha lonxitude de 22 quilómetros, ocupou o mellor lugar do río, dispondo dunha potencia instalada de 184 megawatts en tres grupos. A poboación de Carballedo e Pantón non deixou de minguar desde aquela, reducíndose no primeiro caso en 79,6% e no segundo en 77,3%.

A Veiga é un concello da comarca de Valdeorras situado nas beiras do río Xares onde actualmente residen 857 veciñas e veciños.

Á volta de 1958, a empresa Hidroeléctrica Moncabril ergueu no seu territorio o denominado encoro de Prada, unha instalación hidráulica cunha potencia instalada de 72,2 megawatts, unha capacidade de procesado de 122 hectómetros cúbicos e unha presa de 85 metros de altura, que fixo desaparecer baixo as súas augas a parroquia da Alberguería e anegou as terras de pasto e cultivos dos núcleos de Meda, Corexido, Vilaboa, Candeda ou Banos. Transcorridos 64 anos desde a construción do encoro, o municipio perdeu o 80% da súa poboación.

Castrelo de Miño

Castrelo de Miño emprázase nas terras do Ribeiro. A comezos dos anos 60, a empresa Fenosa iniciou as obras para levantar un encoro neste lugar privilexiado do río Miño, rematando finalmente os traballos en 1969. A central hidroeléctrica dispón dunha potencia instalada de 127 megawatts, unha capacidade de procesado de 60 hectómetros cúbicos, unha presa de 70 metros de altitude e unha lonxitude de 20 quilómetros. O proxecto, levado a cabo cunha importante oposición veciñal dirixida por militantes da Unión do Povo Galego (UPG) e do Partido Comunista da Galiza (PCG), deixou sen as súas mellores terras os veciños de diversos núcleos de Castrelo, Ribadavia e Cenlle. A poboación de Castrelo caeu desde aquela en 76%, pasando de 5.383 residentes no ano 1970 a 1.340 en 2020.

O encoro de Belesar é o maior da Galiza, cunha presa de 129 metros de altura, unha capacidade de 654,5 hectómetros cúbicos, unha lonxitude de 47 quilómetros e unha potencia instalada de 257 megawatts. O encoro construído por Fenosa en 1963 en terras dos concellos de Chantada, Guntín, Paradela, O Páramo, Portomarín, Taboada e O Saviñao tornouse nunha traxedia económica para estes municipios, privándoos das súas melloras zonas agrarias e xerando un problema demográfico. Así, a poboación reduciuse desde 1960 en Chantada en 56%, en Guntín en 58%, en Paradela en 76,4%, no Páramo en 75,6%, en Portomarín en 72,2%, en Taboada en 76,4% e no Saviñao en 81,2%.

A historia dos Peares, Prada, Castrelo e Belesar repítese noutras áreas da Galiza. Neste sentido, son diversos os estudos elaborados para diversas partes do Estado que evidencian como o proceso de despoboamento de moitas comarcas está agudizado pola posta en funcionamento de instalacións hidráulicas.

A este respecto, a profesora do departamento de Análise Económica da Universidade de Zaragoza Rosa Duarte pon o foco “no impacto negativo dos encoros no despoboamento dos territorios de acollida” e advirte de que “os proxectos eólicos acentúan os procesos de perda de poboación”. Así, en relación con isto, un traballo elaborado pola Universitat de Valencia, sinala que “o 90% dos concellos con parques eólicos perderon poboación”.

Comentarios