Eis a proposta do ministro José Luis Escrivá para aumentar "suavemente" as pensións e a base de cotización máximas

O titular estatal de Inclusión e Seguridade Social descartou que se vaia ampliar de 25 a 35 anos o período que se toma en conta para determinar a contía da pensión.
O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luís Escrivá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luís Escrivá. (Foto: Europa Press)

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, afirmou esta segunda feira que, no marco da negociación cos axentes sociais para culminar a reforma de pensións, proporá subir progresivamente a pensión máxima e elevar ao mesmo tempo a base máxima de cotización, o que contribuirá á sustentabilidade do sistema.

Escrivá, en declaracións a RNE recollidas por Europa Press, subliñou que a pensión máxima no Estado español é "relativamente baixa" en comparación coa doutros países e indicou que elevala "de forma suave" á vez que se incrementa a base máxima, aumentarán os ingresos do sistema entre 2030 e 2050, cando sufrirá "un pouco máis de tensión" pola demografía.

Na documentación que o Executivo estatal remitiu a Bruxelas, propoñía aprobar a elevación gradual da base máxima de cotización, acompasada dunha adaptación á mesma da pensión máxima, antes de finalizar este ano, aínda que a súa implantación abarcaría as próximas tres décadas.

"A adaptación do sistema require dunha adecuación gradual das bases de cotización máxima que deberá ser concorrente cunha modificación da pensión máxima para non alterar a natureza contributiva do sistema. Que a evolución das bases máximas se acomode a unha senda moi gradual e coñecida de antemán permite ademais adaptarse aos axentes económicos adecuadamente", expoñía o Goberno español no seu documento.

Cálculo da pensión

Xunto a esta medida, e seguindo as recomendacións do Pacto de Toledo, Escrivá sinalou que nesta última rolda de negociacións cos axentes sociais para culminar a reforma de pensións tamén se abordará como axudar a mellorar a equidade do sistema á hora de calcular a pensión nas novas carreiras profesionais.

O ministro, que  descartou que se vaia ampliar de 25 a 35 anos o período que se toma en conta para determinar a contía da pensión, explicou que, para un de cada tres traballadores, os mellores anos de cotización xa non son os últimos da súa carreira laboral, como si sucedía anteriormente.

Por iso, e a fin de mellorar a equidade do sistema, cre que "hai que dar unha volta a isto" e analizar cos axentes sociais se se pode actuar sobre o período de cálculo da pensión e ao mesmo tempo "destruír os peores anos de cotización" e dar un mellor tratamento ás lagoas de cotización (períodos nos que non se cotiza por non estar empregado).

"Temos que discutir cos axentes sociais cal é a mellor combinación destes tres elementos para que o sistema sexa máis equitativo e máis xusto e cumpra a súa función de protexer dalgunha forma aqueles que teñen situacións indesexábeis e que non lles afecte negativamente desde o punto de vista da pensión futura", apuntou Escrivá.

Revalorización das pensións co IPC

Respecto a outra das medidas da reforma xa en vigor, a de revalorizar as pensións co IPC, o ministro SUBLIÑOU que a inflación media que se toma de referencia (de decembro do 2021 a novembro deste ano) "non debería separarse moito dos niveis actuais", pero, en todo caso, remarcou, "será a que teña que ser" e con ela subiranse as pensións.

Por último e respecto a como está a evolucionar a afiliación á Seguridade Social en setembro, Escrivá anticipou que será un mes que, en datos medios, lanzará unha creación de emprego "moi importante", pois o mes comezou "francamente ben" e estanse recuperando algúns sectores que estiveron "máis débiles" en meses pasados, como o da construción.

Comentarios