A nova lei de pensións permitirá achegas de máis de 1.500 euros aos plans privados

O Goberno español muda de criterio ante a caída do capital xestionado.
Parella de anciáns cruza a estrada en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parella de anciáns cruza a estrada en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

O patrimonio dos plans de pensións individuais pasou de 89.323 millóns de euros en 2021 a unha cantidade que no primeiro trimestre de 2022 baixou a 86.130 millóns por dous factores: o aumento das xubilacións e as menores achegas das investidoras.

Detrás desta realidade están as sucesivas reducións do importe máximo permitido para as achegas a plans privados individuais, que tiñan como obxectivo fomentar no seu lugar os plans de emprego, que tamén viron caer o patrimonio xestionado.

Á vista destes datos, o Goberno español prevé rectificar a súa política e permitir achegas por riba dos 1.500 euros xa en 2022 a través da aprobación da nova lei de plans de pensións, aínda en tramitación no Congreso dos Deputados. Varios grupos parlamentarios apoian este cambio de rumbo do Executivo estatal e mesmo celebran que os novos topes de achegas poidan ter tamén carácter retroactivo.

Do que non desiste o Ministerio de Seguridade Social, con José Luis Escrivá á fronte, é na súa aposta nos fondos de pensións de emprego de promoción pública (FPEPP).

Estes vehículos de nova creación pretenden ser a punta de lanza para tratar de xeneralizar o aforro para a xubilación vinculado ao ámbito laboral.
O Executivo quere que, tal e como ocorre noutros países, empresas e cadros de persoal pacten que parte da retribución vaia a instrumentos de aforro a longo prazo para complementar a pensión de xubilación.

O Goberno prima esta figura sobre os plans individuais, que entende que se empregaron  de forma abusiva polas rendas altas para rebaixar a factura fiscal. Até hai uns anos, o límite xeral de achega era de 10.000 euros anuais. En 2020 ese tope baixou a 8.000 euros e o ano pasado a 2.000 euros. Para o presente exercicio fiscal o límite baixou aínda máis, até os 1.500 euros.

Moción do BNG

Por outra parte, o pleno do Congreso debaterá esta terza feira unha proposición non de lei do BNG para esixir ao Goberno que simplifique e harmonice a tributación de pensionistas retornados ante as dificultades que atopa este colectivo á hora de realizar as súas declaracións fiscais.

A proposta da formación nacionalista consiste en axilizar e simplificar a dedución de dobre imposición internacional no IRPF e outorgar un tratamento equitativo respecto á obriga de declarar, estabelecendo un límite de 22.000 euros anuais, independentemente de que sexa a través de distintos  pagadores.

Comentarios