A enerxética Ecoener ficha Marta Fernández Currás, ex secretaria de Estado de Orzamentos e conselleira de Facenda con Feixoo

A súa chegada á multinacional Ernst & Young suscitara a polémica e as forzas da oposición no Parlamento galego sinalárano como un caso de "porta xiratoria".
Marta Fernández Currás, nunha comparecencia como secretaria de Estado de Orzamentos. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Marta Fernández Currás, nunha comparecencia como secretaria de Estado de Orzamentos. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O consello de administración de Ecoener, dedicada ás enerxías renovábeis, propuxo o nomeamento de Marta Fernández Currás, ex secretaria de Estado de Orzamentos no Goberno español do PP de Mariano Raxoi, como conselleira independente, segundo vén de informar a compañía. Ecoener destacou que este nomeamento reforza o seu bo goberno debido á "gran traxectoria profesional" da ex dirixente —que tamén formará parte da comisión de nomeamentos e retribucións—, acreditada en postos de alta responsabilidade, así como "a súa formación e a súa valía persoal".

O nomeamento de Fernández Currás en calidade de conselleira independente someterase á aprobación da xunta xeral de accionistas de Ecoener do próximo 23 de xuño. O presidente da compañía, Luís de Valdivia, enmarcou este nomeamento "na política da sociedade de incorporar os mellores profesionais, neste caso para reforzar o bo goberno corporativo, nesta etapa de forte crecemento".

Licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago, Fernández Currás é inspectora de Facenda e interventora e auditora do Estado español. Foi membro do padroado do Museo do Prado, Museo Thyssen, Museo Reina Sofía, Biblioteca Nacional e do Instituto de Analistas Financeiros.

Desde o ano 2016 é socia-directora na Galiza da empresa global de auditoría Ernst & Young, onde lidera a área fiscal, sendo a responsábel de diversos proxectos vinculados a empresas estatais e multinacionais. Ao mesmo tempo, é socia na área de Sector Público, na que presta servizos a empresas do ámbito público estatal.

Foi delegada do Instituto de Estudos Fiscais na Galiza do Ministerio de Economía; xefa da Dependencia Rexional de Recadación da Axencia Tributaria (AEAT) na Galiza; interventora xeral da Galiza; inspectora na Delegación Central de Grandes Contribuíntes da AEAT, e conselleira de Facenda da Xunta entre 2009 e 2012, no primeiro Goberno de Feixoo.

Aliás, foi profesora asociada de Facenda Pública e Sistemas Fiscais na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, administradora da AEAT de Santiago, vogal do Tribunal Económico Administrativo Rexional (TEAR) da Galiza e interventora adxunta territorial de Pontevedra.

A súa chegada a Ernst & Young (E&Y), pouco tempo despois de abandonar o Executivo estatal, suscitou a polémica por considerar diferentes partidos da oposición, como BNG, PSOE e En Marea no Parlamento da Galiza, que se trataba dun caso de "porta xiratoria", algo que ela negou, pois ese concepto, dixera, "faría que non puidese traballar en nada" após ostentar un cargo público. Tamén o PP defendera a "legalidade" do nomeamento.

Comentarios